REVISTA ABRIL

Conseguido: a TVG dispoñerá dunha canle infantil e xuvenil

Tras a recollida de máis de 33.000 sinaturas, o Parlamento de Galicia aprobou a iniciativa promovida por A Mesa, que consiste en pór en marcha unha canle temática da TVG dirixida a público infantil e xuvenil, buscando recuperar esa influencia que tivo o Xabarín Club na mocidade en décadas pasadas.

REVISTA ABRIL

Todas as forzas representadas na cámara galega deron o seu apoio á Iniciativa Xabarín, promovida pola Mesa pola Normalización Lingüística para crear unha canle temática na TVG dirixida ao público infantil e xuvenil. Esta proposta recibiu o apoio de máis de 33.000 persoas que ao longo destes meses achegaron a súa sinatura para demandar “unha canle de contidos atractivos, de éxito, actuais e pasados, así como contidos educativos e de produción galega”.

Un informe elaborado pola Mesa hai dous anos recollía que menos do 5% da programación infantil e xuvenil que se emite polas canles de televisión accesibles no país está en galego. Unha carencia que non era compensada pola CRTVG, cunha emisión en galego moi inferior á que realizan as televisións públicas vasca ou catalá. Situación que pretende reverter este acordo que recolle que “o sinal destas canles será distribuído a través dos paquetes básicos das operadoras de televisión por fibra óptica, satélite, ADSL e tecnoloxía móbil”.

Ademais, a proposta tamén reclama que a Corporación de Radio Televisión Española (RTVE) emita todos os seus contidos con opción dobrada ao galego nomeadamente na programación da canle específica infantil e xuvenil e nos da súa app. E piden adoptar as medidas necesarias que permitan a recepción mutua RTP – TVG en Galicia e Portugal segundo o contemplado na Carta Europea de Linguas Rexionais ou Minoritarias.