REVISTA ABRIL

Concertos e obradoiros de balde no 6º Festival Vertixe Sonora

Xa coñecemos todas as actividades que terán lugar no Conservatorio Superior de Vigo no marco do 6º Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea, que traerá concertos e obradoiros de balde á nosa cidade nos próximos dous meses.

Oh Ton coa Orquesta Ensemble Vigo 430 | FVS

O 20 de setembro comezou en Pontevedra a 6ª edición do Festival Vertixe Sonora de Creación Musical Contemporánea  que se estenderá ata o 5 de novembro. O evento aglutina unha serie de concertos e actividades repartidas por Pontevedra, Cangas e Vigo. É unha iniciativa do Campus CREA, un proxecto de especialización que ten a súa orixe no campus universitario de Pontevedra.

O Conservatorio Superior será a sede en Vigo e acollerá un total de dous concertos e catro obradoiros, ademais doutro concerto que forma parte do Ciclo Do Audible o venres 5 de outubro. Os demais eventos serán en Pontevedra e, como novidade este ano, en Cangas do Morrazo. Lembramos que todas as actuacións e masterclasses serán de balde ata completar aforo.

O primeiro concerto na nosa cidade será o luns 8 de outubro ás 20:00 no Auditorio Martín Códax, situado no interior do Conservatorio. Desde Alemaña visítanos Oh ton co seu Paradoxo da Visibilidade. Neste show poderemos ver pianos tocados a catro mans, globos de aires preparados, cintas de dous canais e instrumentos clásicos mesturados con electrónica.

REVISTA ABRIL

O seguinte concerto será o sábado 3 de novembro co Migracións de Espai Sonor. Baixo este título proponnos un repertorio con obras para diversas formacións que combinan frautas, clarinetes, chelo e piano. Dous cuartetos que buscan crear estimulantes novos espazos sonoros. A formación en escena fará honra ao título da obra e estará a mudar constantemente.

Ademais de toda esta música en directo tamén haberá outras actividades paralelas. Agudizar o oído é unha proposta de divulgación da música contemporánea e arte sonora que consistirá en oito charlas previas aos concertos do Festival. O resto de obradoiros, todos eles impartidos no Conservatorio, serán os de Michael Pattman: A percusión en Kontakte de Stockhausen (4/10); Patrícia Martins: O pinao en Kontakte de Stockhausen (4/10); Steffen Ahrens: Usos da guitarra eléctrica en contextos de música contemporánea (6/10) e Linda Jandowska e Pablo Vergara: O violín milenario (8/10).

O Festival Vertixe Sonora busca consolidarse como un evento referente na música contemporánea e achegar ao público xeral unha música que normalmente non se atopa nos grandes escenarios. Pola súa parte, a Universidade de Vigo pretende funcionar como un axente cultural no entorno e establecer relacións con el a través de iniciativas como o Campus CREA.