CASAACUNHA

Coma un raio de sol

Concha Murguía pariu no Froxel (Arteixo). Foi un 17 de maio, concretamente o de 1833, cando Manuel Antonio Martínez Murguía abandonou o claustro maternal. Non é casual a data de Cantares gallegos de Rosalía de Castro, que deu pé ao Día das Letras Galegas. Nai e pai casarían dous meses despois do parto. Vivirán separados durante uns anos. Un episodio que Manuel Murguía obviou na súa mastodóntica produción literaria. Pro por forza marcouno na infancia.

Na mocidade, Murguía rousa en El Liceo de la Juventud (canda Pondal ou a propia Rosalía) antes de liscar pra Madrid a estudar Farmacia. Alá entregouse á bohemia, investindo horas en conversas daqueles cafés que poboaban a capital do Estado. Nunca rematou a carreira, pro atopou a vocación: a escritura. Juan Compañel, cómplice das andainas madrileñas, é reclamado polos progresistas de Vigo en 1855. A orde é encargarse da imprenta La Oliva, sita na rúa Real. De alí sairía Cantares gallegos, outorgando á urbe o privilexio dun posto cimeiro no Rexurdimento. Mais tamén publicaron os xornais La Oliva e El Miño (1856-73). Ambas as dúas publicacións tiveron a Compañel como director e a Murguía como xefe cultural. A relación foi intensa e duradeira. En certa ocasión, Manuel asume todo o choio ante a ausencia temporal de Juan. Isto motivou que a parella Murguía de Castro vivise na casa onde estaba a imprenta. Xuntos pasaron o fin de ano de 1859 nun Vigo sen nora nin luces LED. Eran outros tempos.

Banner A Movidiña

Murguía afiánzase nese período como cerebro do Rexurdimento. Por exemplo, el fixa o criterio filolóxico pra distinguir o que é e o que non é literatura galega; ou define Galiza como nación. Fixou os contidos, indicou os obxectivos, impulsou numerosas obras, propuxo un futuro pra nós nunha época en que se dicían cousas como: «La abundancia de lluvias hace que a Galicia le llamen el orinal de España». E viría Lorca pra tapar os beizos de tanto bocapodre: «Chove en Santiago, meu doce amor».

A polémica viviu con Murguía como o latexar cardíaco. Ás veces de maneira moi agre, como a vivida coa Pardo Bazán, a taxidermista da cultura galega. E a polémica perseguiuno por mor da intervención que fixo sobre figura e obra de Rosalía. Quixo o indescifrable destino que Murguía e Rosalía tivesen un casamento semiclandestino. Ela estaba encinta, é dicir, que non chegou «pura» ao altar. Un episodio obviado durante anos. Será porque era mácula na sacrílega imaxe da muller de mirada triste. Pro en realidade Rosalía era muller libre e, como dixo a súa filla Alejandra, alegre «como un rayo de sol».

Xurxo Martínez González