Proximidade e atención individualizada no Colexio Don Bosco
O Colexio Don Bosco é un colexio de Vigo, situado no barrio de Coia e pertencente á Escola Salesiana, que fomenta as relacións próximas entre os membros da comunidade educativa coa finalidade de conseguir a atención individualizada do alumnado. Neste centro concertado impártese educación infantil, educación primaria e a ESO. As xornadas informativas son os días 8 e 12 de febreiro.
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-11.jpg)
Horario
Xornada partida na etapa Infantil e Primaria:
De luns a xoves de 9:00 h a 12:30 h e de 14:30 h a 16:30 h
Venres de 9:00 h a 14:00 h, tanto os venres como os meses de xuño e setembro hai comedor de 14:00 h a 15:00 h e recollida tardía de 15:00 h a 16:00 h.
Xornada continua na ESO, de 8:30 h a 14:20 h con clase o martes pola tarde, 15:40 h -17:20 h.
Servizos complementarios
– Servizo de madrugadores e recollida tardía: para facilitar a conciliación contan tamén con servizo de madrugadores e de recollida tardía. De 7:30 a 9:00 horas Recollida tardía de 16:30 a 17:15 horas de luns a xoves de outubro a maio. Os venres de todo o curso e os meses de setembro e xuño é de luns a venres de 15:00 a 16:00 horas.
– Comedor: a destacar que o comedor é con cociña propia, algo que os pais de hoxe en día valoran moi positivamente, xa que non é o mesmo comer de cátering que comer un prato recentemente preparado. O colexio mostra moito interese por unha alimentación saudable e coida que os menús estean adaptados a cada alumno ou alumna, tendo en conta as súas alerxias, intolerancias ou outros trastornos ou enfermidades para adaptar cada menú, mesmo contan con menú vegano.
– Actividades extraescolares: o centro conta cunha oferta de actividades extraescolares, tanto ao mediodía como á tarde (judo, iniciación ao deporte, baloncesto, patinaxe, música…)
Departamento de orientación
O departamento de orientación do colexio Don Bosco dispón dunha orientadora, que é psicóloga, e por varias mestras especialistas en Pedagoxía Terapéutica (PT) e Audición e Linguaxe (AL). Ademais, moitos dos profesores de EI e EP contan con estas especialidades, o que permite unha mellor detección e seguimento no día a día. Outra mostra da preocupación do centro por unha atención individualizada de cada un dos seus alumnos e alumnas, atendendo ás necesidades educativas que van xurdindo, tanto aquelas que aparecen de forma puntual, como dificultades de aprendizaxe ou altas capacidades.
Proxectos ambientes de aprendizaxe
Desde o curso 2023-2024 o colexio está a implantar a nova metodoloxía de ambientes en todas as etapas (2 horas semanais na ESO, e 4 horas semanais en infantil e primaria). A filosofía desta metodoloxía é a través do traballo dos contidos do currículo cun enfoque máis competencial, con tarefas multinivel divididas en ambientes de diferentes temáticas (patrimonio, ciencias, letras, idiomas, matemáticas) nas que o alumnado ten capacidade de elección, e onde aprenderán de forma máis autónoma ao converterse en líderes da súa propia aprendizaxe, no que o papel do docente é o de acompañante-facilitador. Os obxectivos que se conseguen son: un aumento da motivación do alumnado (debido á capacidade de elección, tanto do ambiente como das tarefas para realizar), a autonomía na aprendizaxe e mellora no PENSAMENTO CRÍTICO, e, sobre todo, unha mellor adaptación ás necesidades educativas (de reforzo e ampliación) tanto en canto aos diferentes ritmos de aprendizaxe como á propia forma de aprender do alumnado (xa que os grupos son máis reducidos que na aula, e as actividades multinivel).
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-12.jpg)
Plurilingüismo
O Colexio Don Bosco é un dos Centros Plurilingües de Galicia, con materias impartidas en inglés (Social Science e Arts en primaria e Arts e Tecnology na secundaria). Tamén conta cunha auxiliar de conversa desde Infantil ata a ESO.
Proxectos
Mostrando o compromiso do profesorado e da dirección do centro por participar en actividades variadas e dar máis oportunidades ao alumnado, o colexio Don Bosco conta con:
RadioBosco (programas de radio co alumnado) dándolle voz ao alumnado e mellorando a súa expresión. Este curso o seu traballo foi recoñecido cun premio ao Mellor Proxecto desde Escolas Católicas.
Programas de fomento da lectura (integrados no PLAMBE da Xunta, para o fomento da lectura a través da Biblioteca escolar, e con clubs de lectura)
Iniciación á robótica e xadrez en horario lectivo, como complemento á adquisición da competencia matemática, ao pensamento computacional, estratexia, anticipación, toma de decisións, atención, concentración, e resolución de problemas.
Proxecto sobre natureza e ecoloxía en infantil (achega a natureza á cidade): en 4º teñen unha incubadora de pollitos en clase, e fan o seguimento coa conta atrás ata o seu nacemento. No seguinte curso atenden un pequeno horto, e xa os maiores da etapa son a «Patrulla Ecolóxica», facendo quendas para recoller e levar a reciclar os residuos da etapa.
Actividades mensuais co Centro de Día de anciáns do barrio, son momentos de socialización interxeracionais que enriquece tanto a maiores como a pequenos. Realízanse de forma periódica con 6º de Infantil (unha vez ao mes) e de forma máis puntual con outros cursos.
Outras ofertas do centro
Para reforzar o plurilingüismo, ofrécese a opción de cursar de forma simultánea cos últimos cursos da ESO o “Diploma Dual de Bacharelato Americano” a través do cal se pode obter a dobre titulación de bacharelato español e estadounidense. Cúrsase 100% en liña e en inglés, coma se dunha extraescolar tratásese, coa guía e referencia do centro e algún dos seus docentes. Como centro pertencente ás Salesianas España, o centro comparte a súa oportunidade de cursar algúns ciclos de Formación Profesional de forma en liña.
Como resumo, o Colexio Don Bosco conta cun proxecto propio de educación en valores humanos e cristiáns da escola salesiana: proximidade, familia, alegría, formación integral da persoa, amor, tolerancia, respecto e solidariedade.
Podes solicitar unha visita chamando ao 986 23 11 49 ou cubrindo o formulario de inscrición.
Rúa Estrada, 5 | 986 23 11 49 | vigo@salesianas.org ou dpedagogicavigo@salesianas.org | vigo.salesianas.org