Colexio Alborada
O CPR plurilingüe Alborada é unha cooperativa de profesores e profesoras que leva dedicada á docencia na nosa cidade 44 anos. Está situado na Avda. Aeroporto, 392 (Candeán) e nel pódese cursar educación infantil, primaria, secundaria e educación especial. As xornadas de portas abertas comezan o día 31 de xaneiro.
O horario lectivo con xornada única é de 8:40 a 14:00 h pero o cole está aberto desde as 7:30 h ata as 17:30 h grazas aos servizos de aula matinal, comedor e ludoteca. No comedor, os menús deseñados por unha nutricionista para cubrir as necesidades de nenos e nenas, son servidos polo cátering Adrimial Food. O feito de que o centro conte cunha soa liña en todas as etapas xera un ambiente familiar e permite un trato máis personalizado das nenas e nenos, atendendo á diversidade e maximizando a educación inclusiva.
Tamén ofertan un amplo abanico de actividades extraescolares que se imparten cada curso atendendo á demanda do alumnado. Este curso 23/24 contan con natación, intelixencia emocional e inglés impartido polo centro Schoolhouse.
O colexio Alborada forma parte da rede de centros plurilingües da Xunta de Galicia e conseguiu recentemente a denominación de plurinfantil contando con especialistas de inglés desde a etapa de EI ata a ESO así como auxiliar de conversa nativa en todas as etapas. Ademais organízanse viaxes de inmersión e intercambios lingüísticos con diferentes países europeos. Neste curso realizarase un intercambio cun centro educativo finlandés.
En canto ás novas tecnoloxías o centro conta con profesorado especialista que imparte sesións en todos os cursos desde Educación Infantil traballando pensamento computacional, programación, robótica e intelixencia artificial desde idades temperás. No colexio Alborada tentan sementar vocacións científicas no alumnado desde o seu club de ciencias, que dá a oportunidade a aquelas nenas e nenos que así o desexen de realizar pequenas investigacións científicas e participar con elas en feiras e exposicións.
En educación infantil empréganse metodoloxías activas como a aprendizaxe baseada en proxectos ou o método ABN para o cálculo. Ademais nesta etapa imparten clase profesores especialistas en música, inglés, STEM e psicomotricidade co fin de optimizar todo o potencial de nenas e nenos en idades temperás.
Co fin de favorecer as relacións sociais, fomentar o interese, a curiosidade e a motivación do alumnado, que este se relacione coa contorna e goce dunha aprendizaxe in situ, no colexio Alborada organizan un abanico completo de saídas fóra do centro escolar así como campamentos de dous ou tres días.
As xornadas de portas abertas comezan o día 31 de xaneiro. Podedes pedir unha cita para coñecer o cole no 986 272 432 ou inscribirvos no formulario que atoparedes na súa páxina web no apartado de preinscricións.