CAMELIAS MASCOTAS

Nace Cíes Podcast, a radio local de Vigo baixo demanda

O vindeiro luns, 19 de novembro poderemos escoitar o primeiro capítulo de Cíes Podcast, proxecto impulsado polos xornalistas vigueses Rafa Valero e Guada Guerra. A Movida participará deste novo proxecto centrado en informar sobre a actualidade viguesa, o deporte e a cultura.

Cíes Podcast foi presentada onte en El Corte Inglés, nun acto ao que asistiron persoas punteiras no mundo das letras, a música, o deporte, as artes e o xornalismo en Vigo. Un dato que pon de manifesto as altas aspiracións deste proxecto que chega a cidade para encher un baleiro na información radiofónica viguesa e que o fai ademais cun formato innovador. Será a primeira radio local baixo demanda. Cada día subirase á web e a App de Cíes Podcast un programa de unha hora de duración (dúas cando o programa se faga dende a rúa) no que Guerra e Valero falarán de Celta e outros deportes locais, gastronomía, proxectos de emprendedores vigueses e de cultura. Contarán con 53 colaboradores entre os que se atopan o músico Nicolás Pastoriza, os escritores Ledicia Costas e Pedro Feijoo ou o exfutbolista Javier Maté.

Rafa Valero explicaba na presentación do proxecto que esta radio camiñará da man doutros tres medios de comunicación online. Vigoé para os temas de actualidade local, Gciencia para os temas de investigación científica e dende A Movida colaboraremos na parte cultural.