REVISTA ABRIL

Científicos tolos e resurreccións na inauguración do Galician Freaky Film Festival

O certame de cinema máis freak de Galicia inaugura a súa novena edición o vindeiro 19 de setembro co filme de culto Re-animator e avanza que a temática desta novena edición serán os científicos tolos. O festival celébrase do 19 ao 27 de setembro na Praza Elíptica.

O Galician Freaky Film Festival inaugurará a súa vindeira edición coa súa xa habitual sesión dobre de cine, tal e como se facía nas salas do século, na que se poderán desfrutar dous clásicos do cinema fantástico e de terror. O primeiro dos títulos anunciados é a cinta de culto Re-animator, dirixida por Stuart Gordon e lanzado en 1985, está baseado no relato do H. P. Lovecraft Herbert West: reanimador. Desde o certame defínena como “Unha auténtica medicina para freaks que conta cunha boa dose de inxeccións verdes e resurreccións”.

Re-animator está protagonizada por un estudante de medicina europeo que chega aos EEUU para continuar desenvolvendo o seu soro de reanimación corporal. As probas que realiza traerán consigo unha serie de fatídicas consecuencias para el e a vida persoal do seu compañeiro de cuarto, Dan Cain. Re-animator é un filme de culto entre os seguidores do cinema gore sendo unha perfecta combinación de terror e comedia. O certame vigués aproveita a celebración do 40º aniversario do filme de Gordon para reivindicar esta obra tan querida por todos aqueles que medraron pasando as tardes dos venres entre os andeis dos videoclubes.

Este é o primeiro filme desvelado polo GFFF para a súa novena edición, que se celebrará entre o 19 e o 27 de setembro na Praza Elíptica, con proxeccións nos Cines Tamberlick. Polo momento, anticipan que “será un ano moi especial. Poñeremos o foco temático homenaxeando aos científicos tolos ou mad doctors, ese arquetípico personaxe dos filmes de terror e ciencia ficción que, obsesionados por conseguir algo que supera os coñecementos da súa época, son quen de retar as leis da física e mesmo ao propio Deus.”