GFFF
GFFF

Cemento Musgo presenta o seu Visu-Álbum homónimo

Cemento Musgo é un novo organismo audiovisual. Nace da unión do versátil artista Sokram (MC de Dios ke te Crew, ilustrador, muralista, curator…), o produtor parisino Coio e do artista visual A.L. Crego, pioneiro do gif art e con gran recoñecemento internacional. Cemento Musgo é un profundo exercicio de experimentación a catro niveis. Sokram, pola súa banda, pon a voz e a letra desta nova criatura; Coio está a cargo do aspecto musical e A. L Crego é quen desenvolve a parte gráfica.

Estas catro artes -música, letra, voz e imaxe-, converxen baixo un mesmo prisma e dan lugar o seu primeiro traballo, o Visu-Álbum Cemento Musgo, unha peza de arte audiovisual e conceptual de comezo a fin. Este Visu-Álbum homónimo está formado por 11 cancións e 11 videocreacións. No último mes xa gozamos das pezas que conformaron os adiantos “Racha o lapiz”, “Cemento Musgo” e “Green go home”, e agora chega o todo. Un novo micro-universo no que sumerxirnos e coñecer o ecosistema poético do que se alimenta esta criatura: o Cemento Musgo.

GNIGHT

Cemento Musgo crece en lugares húmidos e escuros, a medio camiño entre o urbano e o rural, a miúdo ao redor de ruinas postindustriais reconquistadas pola vexetación, ou tamén ao longo de canais subterráneos atravesados por correntes de auga turbia e fría, como as do
ordense río Cabrón. Cemento Musgo aliméntase de sons orgánicos e profundos subgraves 808, secuenciados a través de complexos patróns rítmicos. Fala un idioma antigo, emitindo mensaxes universais a longas distancias en forma de métricas densas e poéticas disertacións, que aluden a temáticas diversas como o ecoloxismo, as relacións humanas, o amor e o odio, a industria musical, a alienación tecnolóxica e o colapso medioambiental.

Todo isto pode percibirse na súa música; composicións con multitude de matices líricos e musicais, sempre en tonalidades verdes e grises. Así, no
tema “Racha o lapiz”, atopamos o verde escuro case negro do dark trap. En “Colapso” damos co minimalismo experimental, e descubrimos o verde flúor da man de “Green Go home”. En “A Masa Nai” atopamos o matiz sepia do hip hop-trap, e en “Terra húmida” deixámonos levar polo Lo-fi. O percorrido por este abanico de cor remata co gris antracita verdoso do metal-trap-hiphop de “Mascarada”. Pero este Visu-Álbum Cemento Musgo ten moito máis. Foi gravado, mesturado e masterizado por Mou (produtor e MC de Dios ke te Crew) en Rapapoulo Estudio, a factoría de hits da emblemática banda do hip hop galego e baixo o selo discográfico da mesma: DKTC Sons. Dende este martes 5 de marzo, o traballo xa está dispoñible en tódalas plataformas dixitais. No Visu-Álbum, a imaxe é parte fundamental do proxecto, é por iso que convén gozar dos temas observando os vídeos; unha viaxe gráfica e sonora sen precedentes que só se poderá desfrutar ao completo na súa canle de Youtube; Cemento Musgo atrapa na súa rede; non poderás saír, pero non será iso un problema; só quererás quedar.

Tamén haberá a oportunidade de vivir a experiencia en directo. Será na presentación de Cemento Musgo, un evento realmente especial na Sala Malatesta de Compostela o próximo 4 de maio. Unha representación performática da obra, conxugando música, voz, luz e vídeoproxeccións para dar vida á criatura. Imperdible. Esta presentación en directo formará parte da primeira “XÉNESE Clube”, unha serie de eclécticos eventos enfocados na escea urbana e apadriñados por Dios ke te Crew (que celebra no presente 2024 o seu 20o aniversario). “XÉNESE Clube” nace en Compostela, con un afán cíclico, co que dar a luz a novos proxectos e servir de xanela do que está a acontecer na escea musical máis emerxente.