CAMELIAS MASCOTAS

Carlos Blanco e Xosé A. Touriñán: «En Galicia somos unha potencia en ser criminais de xeito orixinal»

Carlos Blanco e Xosé Touriñán están a vivir un momento profesional marabilloso grazas ao alcance internacional da serie Fariña e tamén ao grande éxito que está a ter en toda Galicia Somos criminais, espectáculo no que fan bo xugo. Quedamos nun restaurante da zona vella ás catro da tarde. Cando chego aínda están de sobremesa, falando animosamente. Recíbenme con senllos sorrisos e convídanme a sentar canda eles.

Somos criminais é unha afirmación contundente…

Carlos Blanco: É que o somos! Témolo no noso ADN. No espectáculo falamos dese tipo de crime insólito que se produce aquí en Galicia. Non entramos no gran crime organizado, senón nese delito cotián, máis pequeno e autóctono, máis noso…

Xosé A. Touriñan: En Galicia somos toda unha potencia en ser criminais, pero dun xeito orixinal, diferente. Partindo disto, empezamos a buscar en todas esas novas dos xornais, analizándoas, e debuxamos o espectáculo. Pero tamén somos moi criminais nese outro aspecto positivo de «rapaz, es criminal» como sinónimo de «que habilidade tes». O espectáculo tamén vai moito por aí, pola parte positiva de ser criminal.

Como foi o proceso de creación do espectáculo?

XT: O proceso foi moi bonito. Primeiro falamos do que queríamos facer con Xosé Prieto. Foi el o que escribiu a base, o máis gordo do espectáculo. Fíxonos un traxe á medida e nosoutros tivemos que subir ao escenario para axustalo e darlle forma. O espectáculo está moi ben porque todo o mundo foi achegando de seu.

CB: E aínda así deixamos cousas para o propio día: no espectáculo pode haber un dez por cento de improvisación e un noventa por cento que vai milimetrado, pero non o parece, que é o chulo. Andamos xa polos 40.000 espectadores en Galicia e probablemente cheguemos aos 60.000, unha barbaridade. Son cifras nunca vistas para un espectáculo en galego. En todo caso, se eu puidera empezaría outra vez todo o proceso, porque foi precioso.

«Facemos un humor moi transversal, poden virnos ver tres xeracións xuntas»

Segunda xira, entradas sempre esgotadas… Como vos sentides?

XT: Un sente que o está a facer ben, é unha satisfacción absoluta, un orgullo. Unha felicidade inmensa.

CB: Para min o bonito é a fidelidade, que nos veñan ver é xenial, pero aínda mellor é que repitan. Tanto Xosé coma min temos un humor moi transversal, poden virnos ver tres xeracións xuntas: avoas, fillas e netas, e iso gústanos moito. Tamén intentamos ir co coidado de non ofender.

XT: Ao final o cómico é un bufón, ten que selo. E sempre hai quen se ofende. Pero para facer humor, tes que ter sentido do humor e tamén un público que teña moito sentido do humor.

«A xente pode prescindir de moitas cousas, pero non da risa»

Tedes o segredo do humor?

CB: Temos un don natural para facer rir á xente, pero coma calquera don, hai que exercitalo. Aquí fálase de interpretar, cando en inglés se di play ou en francés se di jouer. Xogar. O noso é xogar, algo que moito que ver coa improvisación, pero desde unha base moi sólida. O músico de jazz improvisa ben porque coñece a canción, tocouna tantas veces que a pode romper. Nosoutros tomamos o humor moi en serio.

XT. Si, facemos un pouco de jazz… Parece que é improvisado pero hai un control absoluto, cunha marxe que é a maxia que ocorre en cada función. O que fai que un espectáculo nunca sexa igual a outro.

CB. E ten moito que ver coa saúde, porque a xente pode prescindir de moitas cousas: dos hidratos de carbono, do café… pero non da risa. A risa é saúde. Botémoslle humor á vida.

«Fariña serviu para deixar os complexos e estar orgullos do noso»

Pasemos do teatro á televisión: Como vivides o éxito que foi e segue a ser a serie Fariña?

CB: Fariña estase a ver en moitos países, e por iso agora nos chegan moitos máis proxectos de fóra. Abriunos un feixe de portas e aínda nos ha abrir máis, seguro.

XT: Penso que é un punto de inflexión no audiovisual deste país, algo moi bo para Galicia, para sacar de enriba moitos tópicos. O tema da lingua, do acento… Deixar os complexos e estar orgullosos do noso. Aínda que reflicta unha parte fea da nosa historia, nótase na rúa que a xente está orgullosa da serie.

Falamos agora duns personaxes moi peculiares, Paco Charlín e Laureano Oubiña…

XT: Para min o personaxe é un regalo. Polas probas para a serie pasa todo o audiovisual galego, todos os actores de Galicia quererían estar en Fariña e eu tamén o ansiaba con todas as miñas forzas. Pero fun pensando que eu non podía ser alguén coma un membro do clan dos Charlíns. Eu son un tipo que fai comedia e este Paquito era un cabronazo. Non é o tipo de papeis polo que me adoitan chamar. Porén, Carlos Sedes, o director; Conchi Iglesias, de cásting e Ramón Campos, o produtor, son os que ven algo en min e fanme este agasallo. No meu caso, non teño un modelo real no que fixarme. Teño unha dirección, un guión e xogo co que vén escrito no papel, sen referencias.

CB: O meu é moi diferente. Eu ofrecinme a facer o papel de Laureano Oubiña porque me vía nel. E abordeino con moitísima prudencia porque está vivo. Pero non porque lle guste ou non a el, iso non me preocupa, senón porque a referencia esta aí, é moi clara. Todo o mundo ten esa imaxe en mente, a voz, o seu aspecto… E tivemos a sorte de que nos desen tempo para preparalo, para ensaiar. Un tempo que no audiovisual non sempre se ten.

Como está a ser traballar xuntos?

CB: Sinceramente, a min dáme moita pena que isto acabe. En xaneiro imos parar, logo de ano e medio de traballo en común. Iso supón moitas horas de convivencia, de aprendermos xuntos… O certo é que eu xa o esperaba bonito, pero non tanto.

REVISTA NOVEMBRO

XT: Foi unha convivencia estupenda. Para min é un honor traballar con este home. É un dos grandes mestres deste país nisto que facemos e temos a sorte de estar a atravesar un momento moi chulo. Traballar no teatro é marabilloso, e aínda por riba que responda así de ben o público. Todo nos vai a favor.

Texto: Noel Queipo
Fotos: Alba Sotelo

[Esta entrevista pertence á revista A movida de Decembro de 2018. Se queres comezar a recibir un exemplar na túa casa, apoiar o noso proxecto e participar en numerosos sorteos, faite #AMOVIDALOVER nesta ligazón. ]