UVIGO
FILLOAS

‘Cando as mozas solteiras non podían vivir soas’ por Teodosio Hargan

«Que ninguna moza soltera viva sola en casa, ni sea tabernera pena de dos ducados y 24 horas de cárcel y así progresivamente aumentando por las más veces», recolle o artigo 13 do auto de bo goberno asinado polo alcalde-xuíz de Vigo o 7 de abril de 1802. Josef Antonio Sánchez reunía naquel documento 36 normas de conduta de obrigado cumprimento para todos os vigueses. Algunhas delas eran de carácter relixioso, como a prohibición de blasfemar ou xurar cos nomes de Deus e da Virxe. Outras trataban de manter o respecto cara aos gobernantes, especialmente ao rei.

Nunha vila portuaria como a de Vigo, a boa convivencia tiña que estar moitas veces pendurada dun fío e, para evitar pelexas, estaba totalmente prohibido portar armas de calquera tipo, e mesmo percorrer a vila de noite en grupos. «Que no ande ninguna persona desde el toque de oración en adelante sin luz, ni farol o linterna», pódese ler no sétimo artigo.

Especialmente duro era o auto cos transeúntes que chegaban á localidade sen oficio nin beneficio. «Que se dé cuenta de todos los bagamundos para limpiar el pueblo de la peste que ocasionan y aplicarlos según corresponda, y nadie los oculte, ni a los desertores, ni otra gente de mal vivir, pero de ser castigados los encubridores con los que ymponen las leies» (sic), dicíase no punto décimo.

O receo cos foráneos tamén se vía reflectido na obriga que tiñan os mesoneiros e pousadeiros de informar sobre os seus clientes. Os donos das tabernas e demais locais de venda de comidas e bebidas tiñan moita presenza naquel auto. «Que nadie juegue naipes en bodegas y tabernas, ni las taberneras consientan se hagan bailes, foliones y meriendas en ellas pena de dos ducados de multa y castigar a los contraventores”, sinalaba o duodécimo artigo. Estes establecementos tiñan que pechar ás nove da noite no inverno e ás dez no verán.

O balbordo da rúa tampouco escapaba da normativa aprobada, dado que se prohibían sons harmoniosos, como as «músicas y foliones», e os ruídos estrondosos, como disparar arcabuces e outras armas de fogo dentro da vila. A sanidade pública tiña a súa representación no auto cunha advertencia aos médicos da vila: «Que los médicos y más facultativos físicos den cuenta de las personas que se hayan muerto de mal contagioso para proveer el remedio el que pueda ocasionar el uso de sus ropas y muebles», sinalaba o artigo vinte e catro. O xuíz-alcalde Josef Antonio Sánchez ordenaba que o auto de bo goberno se fixase na fachada do Concello para que todos os veciños o puidesen ver.

Por Teodosio Hargan

CAMELIAS NADAL

[Este artigo está publicado na revista A Movida de setembro de 2018 . Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]