Calzadinos, pasiño a pasiño
Disque non hai unha ledicia máis grande que a dun cativo con zapatos novos, mais quen teña o privilexio de convivir coa rapazada sabe que o auténtico gozo está en camiñar cos pés descalzos. E non, a gripe non entra por aí. Mitos de noutrora á marxe, os beneficios de andar cos pés na terra, nunca mellor dito, son todos para a saúde. Que tal se damos un paso?
Ata hai pouco, o descoñecemento sobre a podoloxía era maioritario entre os proxenitores; de xeración en xeración, transmitíase aquilo de que había que levar zapatos duros e ben fixos para ter estabilidade, ignorando que o fortalecemento da musculatura da zona quedaba limitado. Cando Aída, xerente da tenda de calzado respectuoso Calzadinos, na contorna da praza Elíptica, tivo que mercar eses primeiro calzado saudable como nai, deuse de conta de da necesidade de achegar este tipo de produtos á cidadanía, xa que non había opcións de proximidade para ver, probar e comprar.
Calzado respectuoso? Pois si. Se queremos que a nosa prole goce de boa saúde, o respecto polos pés tamén é básico: unha punteira ampla que permita mobilidade do pé, unha sola fina totalmente plana e materiais flexibles e lixeiros son o abecé do respecto polo andar. Agora que comeza o curso escolar é importante escoller con atención os zapatos que calzarán durante tantas horas os pequerrechos. En Calzadinos asesórase para dar co calzado ideal, porque non todos os pés son iguais nin teñen as mesmas necesidades, igual que non encaixa calquera chapeu nunha cabeza. Aída explica as claves para elixir un bo calzado, como unha sola fina e non amortecida e drop zero, é dicir, sen elevacións nin tacóns, algo que ao longo dos anos provoca un acurtamento muscular e problemas para camiñar.
Calzadinos fai un ano o día 8 deste mes, data que que este comercio festexa con agasallos para os clientes e un sorteo. A xerente advirte que, pasiño a pasiño, vaise comprendendo o termo calzado respectuoso e hai máis concienciación entre as novas xeracións de proxenitores, pero falta moita pedagoxía, que debería empezar polos propios profesionais sanitarios, para dar a coñecer a necesidade de ter hábitos saudables tamén neste ámbito. A tenda traballa con máis dunha vintena de marcas para escoller o máis axeitado, desde zapatos escolares a deportivos. Ademais, tamén se está a introducir o calzado respectuoso para as persoas adultas porque nunca é tarde para sumarse a saúde no camiñar e deixar presente unha boa pegada para o futuro.
Rúa de Nicaragua, 21 | 695 02 59 40 | calzadinos.com