CAMELIAS MASCOTAS

Calendario running para facer deporte ao aire libre

Coa chegada do bo tempo apetece saír ao exterior e facer exercicio ao aire libre. Espazos como Samil, Castrelos, O Castro, a senda do Lagares ou Bouzas énchense de corredores, ciclistas e xente practicando deportes en equipo. Se estás buscando algún evento para aproveitar o bo tempo facendo exercicio, estás de sorte. Esta primavera vén cargadiña de carreiras populares nas que podes participar, toma nota!

Imaxe da 10K Vigo-Samil do 2017 | 10K Vigo-Samil

A primeira cita é o vindeiro domingo coa 10 km Vigo-Samil, un percorrido pola contorna litoral que este ano sairá ás 10 da mañá e que amplía á ruta ata a zona do Bao. Unha semana despois, os runners daranse cita en Beade, terra de cereixas. Maio é o mes da recolleita e coincidindo coa Festa-Feira da Cereixa, que cada ano se celebra na parroquia viguesa, ten lugar a Carreira da Cereixa, un percorrido de 10 Km coa máis doce das metas: a degustación de tan sabido froito.

REVISTA NOVEMBRO

Xuño arranca cunha das citas máis multitudinarias: A Carreira Femenina de El Corte Inglés. Un evento que congrega a miles de mulleres polo centro da cidade nun percorrido de 5 km que parte da Gran Vía á altura do Corte Inglés e remata na Estación Marítima. A carreira, que sempre ten un fin solidario, doará a recadación a Bicos de papel. En xuño gozamos das noites máis curtas do ano. Para celebrar isto, o circuíto  Run Run Vigo fai dúas propostas para corredores noctámbulos: Correndo por Vigo, que se desenvolve no ámbito das Travesas, e que ofrece as opcións de facer 5 ou 10 Km; e a Carreira Nocturna de San Xoán, que percorre o centro da cidade antes de que comecen a arder as fogueiras. Neste mesmo mes, ten lugar a carreira de orientación por equipos Coruxo Móvese, organizada pola Fundación Isidre Estévez. O evento que inclúe outras actividades como unha andaina accesible, unha masterclass de zumba e un torneo infantil, terá lugar o domingo 10 de xuño.

Despois do parón estival, celébrase unhas das probas máis participativas: a 24 horas de Castrelos. Pódese participar de forma individual ou por equipos, o único requisito e non parar de correr durante as 24 horas que dura o evento.

Xa non tes escusa. Descarga a nosa guía, colle as zapatillas e sae aí fóra a desfrutar de Vigo e a súa contorna dunha forma saudable.