VIALIA
bannerPicnicSesions

Battle of Teams converte a Vigo na capital do crossfit

Do 3 ao 5 de agosto volve, e con moita forza, o IV Vigo Battle of Teams, o evento de crossfit máis importante do país. Terá lugar nas instalacións deportivas de Samil e haberá uns 750 participantes de 5 países distintos.

Un atleta nas probas de halterofilia do ano pasado | @xfeat

Crossfit Vigo organiza este macroevento de tres días, de mañá e tarde, no que se agarda que 750 participantes de España, Portugal, Bélxica, Andorra e Italia acudan á cidade olívica a competir, por parellas, nas diferentes probas desta esixente competición. Durante o 3, 4 e 5 de agosto, as instalacións deportivas de Samil e arredores estarán cheas de distintas probas como halterofilia, natación ou trail.

REVISTA ABRIL

Agosto non é o mellor mes para os deportistas de crossfit, xa que a tempada de competicións está recén rematada e o seu estado físico non é o ideal. Por iso, a Battle of Teams enfoca as actividades para ser realizadas en grupo, reducindo así o esforzo por participante, que poden ser desde amateur ata élite. Ademais, as probas están programadas para rematar sobre ás 6 da tarde, deixando tempo aos deportistas para descansar e facer turismo por Vigo.

Como novidades, este ano inclúese a categoría de RX e un trail polos montes de Fragoselo, non moi longo pero si moi esixente polo desnivel do terreo. Esta última actividade é unha forma de amosar, tanto a deportistas locais como doutros lugares, os estragos que tiveron lugar en outubro do ano pasado a causa dos incendios. Relacionado con isto, desde a organización tamén pretenden prantar árbores nesta zona para axudar á súa reforestación.

O Battle of Teams non deixa de medrar ano tras ano. No 2016 foron 300 participantes, no 2017 aumentou a 500 e este ano a cifra é de 750 seleccionados, xa que as solicitudes ascendían ata 1.500 persoas. O obxectivo para o ano que vén é o de traer a uns 1.000 atletas, ademais dos seus equipos e acompañantes, co que iso suporía para o turismo vigués. Un evento ambicioso cun forte presente e un futuro esperanzador, que pretende converterse nun referente en Europa.