REVISTA MARZO

Baile na rúa, jam sessions e… moito jazz no Imaxinasons

O jazz inundará Vigo a finais deste mes. Do 29 de xuño ao 4 de xullo terá lugar a 14ª edición do Imaxinasons, o Festival de Jazz de Vigo, conformado por 19 bandas e 24 actuacións en distintos lugares da cidade. O Festival contará con grandes nomes do panorama internacional, nacional e local.

Volve outro ano máis o Festival de Jazz de Vigo, con menos xornadas que na edición anterior pero máis cargado ca nunca. O Festival terá lugar entre o venres 29 de xuño e o mércores 4 de xullo, días nos que a cidade bailará a ritmo de swing e jazz. Organizado polo Concello de Vigo, cun prosuposto de 150.000€ o evento estará dirixido por dous dos nomes máis salientables do jazz vigués: Yago Vázquez, que reside fai uns anos en Nova Iorque, e Felipe Villar.

Foi Villar o que estivo na rolda de prensa de presentación do Imaxinasons, e afirmaba que “unha das ideas do Festival é universalizar o jazz, que é un regalo norteamericano para o mundo, e creo que todo o mundo o recolleu, especialmente en Galicia, onde hai unha gran cantidade de músicos”.

O cartel está formado por grupos internacionais, nacionais, galegos e locais. Dos primeiros destacan os recoñecidos Kenny Garret, Kurt Rosenwinkel, Charanée Wade e Soweto Kinch, mentres que do noso país teremos a pesos pesados como Jorge Rossy, Javier Vercher e Albert Sanz. Da escena galega destacan Manolo Gutiérrez e Wilfried Wilde, francés pero afincado en Galicia fai anos. Representando a nosa cidade estarán moitos músicos, novos e consagrados, como Pablo Castaño, Fernando Sánchez, Naíma Acuña, Dani Font, Paco Charlín ou David Puime, entre outros. Ese é un dos obxectivos do festival segundo Villar, o de “mesturar grandes nomes con outros non tan coñecidos pero que deberían selo”.

Banner A Movidiña

As actuacións e demais actividades terán lugar en multitude de localizacións: o Auditorio e o vestíbulo do Concello, a Casa das Artes, o Conservatorio Superior de Música, a Rúa Londres, a Praza da Princesa, o Café Vitruvia, a Sala Magnética, a Casa de Arriba e a Sala Contrabajo.

O Imaxinasons non so estará formado por concertos: destaca a proposta Música na Maleta, dirixida aos máis cativos, que pretende achegar o jazz aos nenos e nenas de entre 5 e 12 anos. Tamén haberá actividades formativas, bailes na rúa, multitude de jam sessions, que para Felipe Villar son “o que realmente fai festival, o que xera ambiente de festival, onde o público asistirá a onde se xesta o jazz”.

O Festival de Jazz de Vigo non deixa de medrar ano tras ano, tentando con humildade e ambición facerse cun oco no mercado nacional e europeo. Para máis información sobre horarios e prezos a poderedes atopar en imaxinasons.com