REVISTA ABRIL

As fotografías e historias dos presos da Lama iluminan o Marco

A exposición Luz na escuridade. Fotografías dende o cárcere está formada por imaxes realizadas por persoas internas no Centro Penitenciario A Lama, mostrando o seu día a día, por primeira vez nun museo. A mostra está dispoñible ata o 18 de maio no primeiro andar do Marco.

O proxecto Luz na escuridade nace froito do traballo do alumnado da EPAPU Nelson Mandela, o centro de adultos inserido no cácere da Lama, no curso 2021/2022, grazas ao programa ‘Fotografía en curso’. Esta iniciativa está dirixida a todos os centros de ensino de Galicia para fomentar o traballo cooperativo, interdisciplinario e competencial, coa colaboración de expertos nas artes. Neste caso os seus obxectivos van máis aló, creando unha exposición na que as persoas reclusas poidan expresar os seus sentimentos e pensamentos a través das imaxes, ademais de achegarse deste xeito á sociedade. A reinserción na vida cotiá destas persoas non é doada sen empatía e oportunidades, polo que crean esta exposición de 102 fotografías, xunto coa iniciativa Biblioteca Humana, busca fomentar estes valores entre a cidadanía.

REVISTA ABRIL

As imaxes expostas mostran desde espazos baleiros e actividades do centro ata retratos dos seus compañeiros. Ao principio non foi doado conseguir unha cámara, xa que é un obxecto prohibido no cárcere, nin despois fotografíar a periferia ou certas zonas de A Lama. A pesar diso, con ilusión e loita, conseguiron realizar a mostra, incluíndo finalmente o ‘Diario de luz’, varias inmortalizacións desde a mesma ventá da escola feita en distintos días para reflectir o paso do tempo.

Por outra banda, a Biblioteca Humana básase no relato en primeira persoa das historias da vida de cinco dos participantes do proxecto. Entre eles atopamos unha profesora por vocación e con moita ilusión, un mozo que foi mena e conta as dificultades que viviu desde pequeno, un superviviente do cárcere de Sarita Colonia, unha loitadora contra un mundo escuro que se convertiu en interna de apoio e un rapaz que descubriu unha realidade nova pola que todo cambiou. O xoves 18, polo Día Internacional dos Museos, nas distintas mesas poderase manter unha conversa con eles para descubrir de primeira man as súas interesantes historias.

Ana Costa
Redacción