Ara Malikian, Guadi Galego, rock sueco sesenteiro e moitos espectáculos teatrais esta fin de semana en Vigo
Nesta fin de semana temos varias actividades solidarias, espectáculos de todo tipo (maxia, monólogos, teatro…) e moita música en directo. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana en Vigo, entra na axenda de A Movida.
![](https://amovida.gal/wp-content/uploads/2025/02/Desenos-horizontais-13-1024x682.jpg)
CONCERTO SOLIDARIO STOP LEUCEMIA – Venres ás 20:00 h no Teatro García Barbón – Desde 10,00 €
Nesta nova edición do concerto, contaremos cun cartel de artistas e grupos galegos que representan a alma de Galicia: Ardentía, Os Carunchos e Guadi Galego serán as voces e sons que darán forma a este evento solidario, cuxo principal obxectivo é recadar fondos a favor da Fundación Stop Leucemia, na súa loita contra o cancro hematolóxico.
As gardiás ou o dereito a decidir como xestionar a nosa propia vellez. O humilde piso de Rosa, nun vello edificio no corazón dun barrio popular dunha vila obreira, é o refuxio acolledor dunha tribo de catro mulleres maiores organizadas. Rosa (que se topa nunha cadeira de rodas) e as súas compañeiras, Ana, Marga e Susana, son operarias xubiladas da industria téxtil, e están decididas a preservar a súa independencia. Cando a filla de Rosa, Vitoria, propón trasladala a unha institución médica e vender o apartamento, comeza unha loita entre dúas visións do ben envellecer. Enfrontadas ás decisións de Vitoria, as vellas mulleres defenden o seu dereito a vivir xuntas e en liberdade e artellan unha serie de estratexias para convencer a Vitoria de que a súa é a postura mellor.
TEATRO LOS DÍAS QUE QUEDAN – Venres, sábado e domingo ás 20:00 h no Teatro Ensalle – 10,00 €
Los días que quedan é unha reflexión sobre a idea da alegría á hora de afrontar a vida. Los días que quedan é un espectáculo multidisciplinar no que, partindo do ensaio de Albert Camus O mito de Sísifo, reivindicamos a alegría como acción vital cun paso previo que consiste en mirar a vida tal cal é, sen enganos, sen artificio e desde esa paixón xerar unha construción vital, non para dar sentido á vida, senón para outorgarnos un camiño que transitar.
CHILDREN OF THE SÜN – Sábado ás 13:00 h no Sala Rebullón – De balde
Chegados desde Suecia, Children of the Sün ofrecen unha experiencia musical atemporal grazas ao seu son poderoso que fusiona rock, blues e folk. A banda mistura harmonías clásicas e riffs apaixoantes, lixeireza e profundidade, unha homenaxe ao rock que fai recordar por momentos a grupos como Fleetwood Mac, Ghost ou incluso ABBA.
XORNADA SOLIDARIA DA CRUZ VERMELLA – Sábado desde as 17:30 h no CC Camelias – De balde
O vindeiro sábado 8 de febreiro, o Centro Comercial Camelias acollerá unha xornada solidaria en colaboración con Cruz Vermella, co obxectivo de apoiar os seus proxectos sociais e brindar entretemento á comunidade. A actividade, que se levará a cabo pola tarde na planta alta, ofrecerá aos máis pequenos unha variedade de actividades gratuítas, incluíndo manualidades, pintacaras e globoflexia. Ademais, ás 18:30 horas, impartirase un taller de primeiros auxilios aberto a todo o público, onde os asistentes poderán aprender habilidades esenciais para actuar en situacións de emerxencia.
CONCERTO ARA MALIKIAN – Sábado ás 18:00 e 21:00 h no Mar de Vigo – Entradas esgotadas
Ara Malikian presenta a súa nova xira ‘Intruso’, unha viaxe moi persoal na que parte da angustia de non encaixar en ningures para por fin abrazar a riqueza da súa identidade multicultural e atopar o seu fogar no mundo enteiro, a través da arte e a música.
MONÓLOGO NANUTRIA – Sábado ás 20:30 h no Teatro García Barbón – Desde 17,00 €
El showcito de nanutria é unha proposta orixinal e creativa que leva máis de 3 anos en continuo desenvolvemento. Trátase dun espectáculo de entre 80 e 90 minutos de Stand Up e Improvisación, onde o famoso cómico venezolano NANUTRIA demostra as súas habilidades de interacción co público ao tempo que entrelaza os seus chistes coa información que recibe del.
MAXIA CÓMICA – Sábado ás 21:00 h en Magia en la Manga – 12,00 €
Unha experiencia de maxia e comedia para toda a familia onde o asombro e o hilarante transforman o cotián nunha actividade única, invitándote a unha velada sen filtros, chea de risas e sorpresas na que nada é o que parece. Sen varitas nin chisteiras, sen rastro de coellos ou pós máxicos, Juan Capilla e Alex Latorre rompen co tradicional e faranche gozar dun espectáculo diferente e divertido.
FRANS BANFIELD + GABRIEL MCKENZIE – Domingo ás 12:30 h no Lar das Artes – De balde
Concerto de dous dos músicos de blues rock máis salientables da cidade: Frans Banfield e Gabriel McKenzie.
TEATRO CHEGAR E ENCHER – Domingo ás 20:00 h na Sala Ártika – 10,00 €
Chegar e encher é un canto ao fracaso, un divertido monólogo teatral de Bea Campos onde conviven a improvisación, a narración oral e o cabaré. Pasen e vexan… Esta muller que está no escenario era unha nena adorable. Unha pequena que alegraba as veciñas coa súa ledicia. Tiña todo o que precisaba para ser feliz, segundo lle dixo a súa mestra de primaria… Hoxe, aos corenta anos, esta muller debería estar tranquila, incluso aburrida. Coa serenidade dunha vida que non depara moitas sorpresas… O caso é que nalgún momento esa moza tomou decisións que a afastaron do camiño e a levaron sobre as táboas deste escenario. Chegar e encher propón unha reflexión ácida e divertida sobre a imposibilidade de controlar as nosas vidas e a dificultade de encaixar nos roles de xénero marcados.