VIALIA
MAGIC LAXE

Andrea García: “Estou segura de que, de existir as bruxas, non todas pensarían en facer o mal”

Andrea García Martínez naceu no ano 2000 en Santiago de Compostela, aínda que vive desde nena en Sigüeiro (Oroso), onde pasaba o tempo imaxinando historias de aventuras e misterio, as cales compartía a través do debuxo e do teatro. No ano 2018 trasládase a Ourense para formarse como ilustradora na EASD Antonio Faílde, onde rematou os estudos superiores de Deseño de Interiores e onde reside na actualidade. Estreouse na literatura con Animais fantásticos de aldea, unha obra escrita e ilustrada por ela mesma e que lembra o espírito de Contos ás cinco. Agora regresa con Espertina e Esperpenta (ilustrada neste caso por Beatriz Castro), unha obra protagonizada por unhas bruxas moi doces. Ou non.

Este libro naceu o inverno pasado cando me propuxeron escribir para a colección meigas. Para min foi un reto porque son varios os libros que forman parte desta edición e buscaba crear unha historia que encaixara e que á vez fora diferente. A miña intención principal desde o comezo era crear unha aventura máxica e, por suposto, desde o humor co fin de entreter, mais penso que a través dos libros se poden dar moitos aprendizaxes e, neste caso, o máis relevante é a bondade e a colaboración entre os personaxes independentemente de cal sexa a imaxe que estes transmitan.

Sempre existe o medo ao que descoñecemos, e neste libro dáselles aos lectores e lectoras a oportunidade de coñecer polo miúdo a dúas mulleres que están moi lonxe de ser o que aparentan. Prodúceme moito interese o mundo das bruxas e estou segura que de existir mulleres con ese poder, non todas pensarían en facer o mal, máis ben creo que moitas usarían a súa maxia para facer feliz aos demais, como é o caso de Espertina e Esperpenta co seu biscoito de cenoria rancia.

A historia foi nacendo case como un crebacabezas no que ían encaixando as pezas dun xeito sinxelo pensando nos primeiros lectores pero, ao mesmo tempo, tratando de intrigalos con cada capítulo para que poida interesar a público de calquera idade. Sempre me pasa, e neste caso non foi diferente, que comezo o conto polo título. Pronto xurdiu o fío condutor da historia e o resto foi fluíndo rapidamente. Ademais, cando o libro o permite sempre intento aportar ás novas xeracións información de personalidades da nosa tradición oral co fin de que non se perdan, e desta volta, para min tiña especial valor polo feito de que o libro tamén sae en lingua castelán e podo chegar a dar a coñecer un anaquiño da nosa cultura a outras comunidades.

Apaixóname pensar que coa miña escrita podo sacarlle un sorriso a alguén mentres le, e para min iso xa é dos agradecementos máis grandes que podo recibir. É certo que o humor é algo moi relativo e penso que non sempre ten que estar na superficie das palabras, ás veces pasa desapercibido ou ocúltase nunha ilustración disposto para un ollo observador, creo que ese é o verdadeiro reto á hora de crear unha historia.

Para min é un orgullo poder crear cunha persoa que leva anos na profesión e cunha traxectoria tan espléndida e, sobre todo, poder aprender dela. Ao final nunca imaxinas que alguén co seu recoñecemento vaia poñer a imaxe ás túas palabras, e cando vin o resultado fíxome moita ilusión.

Foi a entrada a un mundo novo, que desde logo me trouxo moitas experiencias que nunca imaxinei vivir e me deu a oportunidade de coñecer persoas do sector marabillosas. Animais fantásticos de aldea foi un soño cumprido e o detonante de moitas novas inquedanzas e ideas que estou desexando amosar.

Moi diferentes. Animais fantásticos de aldea foi o primeiro, a primeira vez que me poñía a escribir e debuxar un proxecto completo. Foron tres meses de traballo diario exa estaba “rematado” antes de achegarme á editorial porque foi o meu proxecto final de ilustración, entón o tempo ata velo publicado foi principalmente de corrección e adaptación ao formato da editorial. Mentres que Espertina e Esperpenta vino evolucionar baixo a ollada da editorial, pois desde o comezo empecei a crear coa súa premisa no relativo á temática e tiven a oportunidade tamén de traducilo, polo que o proceso foi máis rápido.

Ir aos colexios é das mellores experiencias que vivo como autora. Poder falar directamente coas persoas para as que escribes e que te reciban con tanta ilusión enche o corazón. Cando ía aos coles os nenos e nenas pedían máis sobre os Animais fantásticos de aldea e máis cousas escritas por min, e iso xa é un logro, ademais do alento que me daban para seguir creando cousas novas. Sempre trato de que estas visitas sexan un momento de conversa, gústame moito que falen e poder aprender deles, pois o final son os destinatarios e destinatarias dos libros. E sempre intento debuxar para eles ou con eles se o tempo o permite, porque penso que os anima a soltarse e imaxinar a través dos debuxos.

Ser xurado é unha experiencia incrible a par que esixente porque tes moita responsabilidade, pero volvería vivila sen dubidalo, sobre todo polo momento da posta en común con xente fantástica.

Cando me fan esta pregunta sempre se me vén a cabeza Agustín Fernández Paz e o seu Cartas de inverno. Lin moito pero ningún libro me cautivou coma este, ata o punto de conseguir aterrorizarme cunha historia de misterio que sen amosar nada conseguía que visualizaras todo na mente.

REVISTA NOVEMBRO

Estou debuxando e escribindo todos os días, teño moitas ideas e ganas de levalas a cabo. De momento o que me depara o futuro non o sei con certeza, pero agardo que traia boas novas e moitas oportunidades.

Sección patrocinada por Deleite

Tensi Gesteira
Crítica literaria