CASAACUNHA

‘Alturas’ por Francisco Castro

Se queres saber o que é Vigo, tes que subir á Madroa mais, en troques de entrar no zoo, tes que subir un chisco máis polo monte, ignorando os berros dos leóns, para escoitar, mellor, o berro da cidade. Na miña novela Barricadas de sal, na que recreo as folgas obreiras do 72 en Vigo, fago que o protagonista suba alí, a sentar naquelas rochas, fronte da cidade inmensa. Dende alí arriba ves ben a Ría e ata Rande. Mais, sobre todo, alí arriba escóitase o ruxido de dragón. Non acontece iso en ningún outro dos miradoiros da cidade. Mais si alí. No alto da Madroa, se tes ouvidos atentos, escoitas a cidade respirar. Ou latexar. Unha especie de muiñeira en xeito de latexo que é a alma de Vigo manifestando a súa vida propia allea a nós. Faino. Sube alí. Escoita. Vigo ten aires de dragón que bufa. E dende A Madroa escóitase todo.

Se queres saber o que é Vigo, tes que subir á Guía mais, en troques de chegar ata a Basílica que deseñou Gómez Román, un dos nosos galeguistas históricos, que señorea a cidade toda (e que case que ninguén de Vigo visitou nunca), tes que frear un chisco antes e quedar fronte da Ría. Semella unha vista que imita á da Madroa que antes dixemos. Pero non é. Para empezar, non hai son ningún. Alí a cidade non renxe. Non semella un enorme becho de metal ferruñento e algo asmático. Alí a cidade é ampla, cansa e chea dunha estraña melancolía. Alí o mar é moito máis azul e as Cíes, ao lonxe, directamente aboian. Se te esforzas, ves Nova York. Por atrás, ves o barrio obreiro de Teis. Se te esforzas, podes ulir a súa suor proletaria.

Se queres saber o que é Vigo, tes que subir ao Castro mais, en troques de ir á rotonda da fonte ou ao castelo, que ten un miradoiro ao Berbés impresionante, vai a outro pequeno miradoiro que hai canda unha fonte onde durante décadas houbo unha cafetería. Os de Vigo sabemos de onde falo. Aí hai un pequeno miradoiro que enfronta a rúa da Hispanidade, o monte Galiñeiro e, como non, a Ría de Vigo. Dende aquí é un universo, máis que mariño, vexetal.

E se queres saber o que é Vigo, tes que subir ao Alba mais, en troques de ir á ermida, desta volta, si, sube de todo, ata o miradoiro. Alí está o Universo: dende Baiona ata, con sorte, Pontevedra. De esquerda a dereita, Toralla, as Cíes, Balaídos, Valadares e os montes que nos rodean, cara a Redondela.

Banner A Movidiña

Se queres saber o que é Vigo, tes que ser unha gaivota e voar.

Dende as alturas e só dende as alturas pode abarcarse tanta beleza.

Por Francisco Castro
Escritor

[Esta reportaxe foi publicada na revista A Movida de xaneiro 2021 . Podes consultala na versión dixital ou facerte con ela de formar gratuíta nos nosos puntos de distribución. Se queres aproiar o noso proxecto e comezar a recibila na túa casa faite #AMOVIDALOVER ]