VIALIA
CAMELIAS NADAL

Abraham Cupeiro despide a tempada do Teatro Afundación

Un dobre concerto de Abraham Cupeiro, para o que as entradas están case esgotadas, será o último espectáculo que acollerá o teatro Afundación en 2024. Ao logo deste mes de decembro haberá música, teatro, ballet e maxia no auditorio vigués.

O Teatro Afundación despedirá o ano con dous concertos de Abraham Cupeiro e tras un mes de decembro no que a programación musical terá un acento marcadamente vigués: haberá dúas citas coa Coral Casablanca, un concerto de Carlos
Núñez e outra da Orquestra Clásica de Vigo. O Orfeón Terra A Nosa, de Santiago, tamén se suma ás propostas musicais. Completan a programación o Ballet de Kíiv, o «VIII Galicia Magic Fest», e tres obras teatrais que farán subir ao escenario intérpretes coma Cayetana Guillén Cuervo, Touriñán, Carlos Blanco ou David Amor. As entradas están dispoñibles en Ataquilla.com. Para algúns espectáculos, como os concertos de Abraham Cupeiro, apenas quedan localidades.

CAMELIAS NADAL

A programación comeza e remata con música. O Orfeón Terra A Nosa interpretará o 9 de decembro, ás 20.00 horas, temas do compositor coruñés Marcial do Adalid (1826 – 1881) e do austríaco Anton Bruckner (1824 – 1896). No musical, as dúas seguintes citas serán coa Coral Casablanca. Os coros filiais da formación musical viguesa participan no 12º Concerto de Nadal-Memorial Lola Castro. Un día despois, o 14, a formación principal da Coral Casablanca subirase ao escenario do Teatro Afundación para ofrecer ao público o seu 68º Concerto de Nadal. Ambas as sesións serán ás 20:30 horas. Carlos Núñez tamén volve celebrar o Nadal coas súas veciñas e veciños de Vigo en concerto, como xa é tradición nos últimos anos. Presentarase en dobre sesión: os días 22 e 23 de decembro ás 20:30 horas. Unha semana despois, o domingo 29, será a
Orquestra Clásica de Vigo a que celebre o Nadal cunha sesión musical na que interpretarán composicións de dous grandes autores do período final do romanticismo ruso: Piotr Ilich Tchaikovsky e Sergei Rachmaninov. Abraham Cupeiro comparece o 30 de decembro xunto á Orquestra Gaos. Haberá un concerto vespertino, ás 17.30 horas, e outro a partir das 20.30 horas.

A Obra Social de ABANCA inclúe tres propostas teatrais na súa programación cultural en Vigo para o último mes do ano. Cayetana Guillén Cuervo subirase ao escenario do Teatro Afundación o 12 de decembro á fronte do elenco de Pandataria. A obra recupera o momento no que, durante a ditadura de Mussolini, un grupo de prisioneiros redacta o Manifesto de Ventotene en defensa dunha Europa libre e unida. Pandataria conxuga as linguaxes da danza e o teatro para propoñer un berro ao amor polos demais, un canto á diversidade. Os días 20 e 21 tomarán será a quenda dos actores galegos Touriñán e Carlos Blanco. Presentan Somos criminais, unha obra na que ambos interpretan aos encargados de salvar o patrimonio humano, material e inmaterial máis prezado de Galicia nun momento no que o mundo está a piques de terminar. Deben evacuar ao espazo exterior unha especie de Arca de Noé galega. Haberá 4 funcións, dúas cada día. A programación escénica do ano no Teatro Afundación despídese cun Esfínter 4, unha nova montaxe da saga teatral coa que os actores David Amor, Rober Bodegas e Javier Veiga celebran o Nadal e despiden o ano desde 2020. Será o 28 de decembro ás 21
horas.

O ballet e a maxia, tamén clásicos do Nadal, completan a programación de decembro do Teatro Afundación. O 16 de decembro, o Ballet de Kíiv presenta O Crebanoces, de Tchaikovsky. Será ás 20:30 horas. A compañía, que habitualmente xira en teatros de todo o mundo, ponlle este ano aos seus espectáculos un acento solidario: 1 euro do recadado coa venda de cada entrada será destinado a Unicef para apoiar o seu traballo en Ucraína. O «VIII Galicia Magic Fest» chegará ao Teatro Afundación 26 e 27 con 5 funcións nas que participan algúns dos mellores magos do mundo. O espectáculo dura 75 minutos e poderá verse ás 18 e ás 20:30 horas ambos os días. Ademais, o día 27 o público poderá desfrutar da ilusión e as sorpresas en horario de mediodía, ás 12:30 horas.