CASAACUNHA

Aberto o prazo para participar no VI Concurso MicroCatrorelatos

No seu reto de dinamizar a escrita en galego e de acoller a autores nesta lingua, o café de Catro a Catro organiza a sexta edición do concurso MicroCatrorelatos, que constará dunha única final o día 31 de maio do 2019.
Amantes da escrita, tedes ata o próximo 1 de maio para presentar o voso relato curto á sexta edición do concurso MicroCatrorelatos, organizado polo Café de Catro a Catro e pola Asociación Cultural Catro Patacos. Ademais, colaboran a escola galega de escrita creativa Aliteraclara e as editoriais Galaxia, Xerais e Elvira.
Os relatos a presentar estarán escritos en galego e terán un mínimo de 1000 caracteres e un máximo de 1500, espazos incluídos. Estas obras serán enviadas en formato Word a dirección de correo microcatrorelato@gmail.com indicando no asunto o título do relato, que se repetirá no encabezamento do mesmo, e sen ningún tipo de identificación do seu autor ou autora.
De todas as obras recibidas, dez serán as seleccionadas, que serán lidas en público o día da final o 31 de maio ás 22:00 no Café de Catro a Catro. Salvo causas maiores, serán os propios autores e autoras as que lean o seu texto, podendo axudarse de disfraces se é o consideran preciso. Ese día as persoas asistentes votarán ás súas tres obras favoritas cun 1, 2 ou 3 segundo a súa preferencia. Terán que valorar a calidade literaria do texto, a súa orixinalidade e a súa lectura pública.
O primeiro premio, outorgado polo xurado, consistirá en 200€ e un lote de libros. Un xurado, por certo, formado polo escritor e crítico Amadeo Covas, pola directora da escola de escritura Aliteraclara Clara do Roxo, pola docente María del Carmen Casal, polo escritor Francisco Fernández Davila e pola escritora Julia Tomé Ortega. O segundo premio constará dun curso de escrita creativa valorado en 150€ máis un lote de libros. Os microCatrorelatos gañadores serán enmarcados e expostos no Catro xunto cos gañadores das anteriores edicións. O resto dos finalistas recibirán tamén un lote de libros.