REVISTA ABRIL

A veciñanza de Bouzas decorará os seus balcóns por Nadal cun fin solidario

Por segundo ano, a Asociación Cultural da Vila de Bouzas, organiza o Concurso de Decoración de Nadal no barrio, coa novidade que este ano non haberá premios. O motivo é que estes agasallos eran cedidos polos comercios da zona, que nesta etapa de crise sanitaria o están a pasar especialmente mal. Neste evento poderán participar tanto particulares como empresas de maneira desinteresada.

REVISTA ABRIL

A principal novidade do segundo Concurso de Decoración de Nadal que organiza a Asociación Cultural da Vila de Bouzas será a ausencia de premios. Algo lóxico tendo en conta que eran os locais do barrio quen os cedían de maneira gratuíta, polo que non é un bo momento para pedirlles ese esforzo económico.

Este ano as tornas invírtense, polo que serán os veciños e veciñas de Bouzas quen decorarán os seus balcóns para mandar unha aperta aos comerciantes do barrio. Un acto solidario que busca facer barrio, dinamizar o consumo nos comercios, infundir un ambiente de Nadal positivo, recuperar tradicións e fomentar valores como a ecoloxía e a solidariedade.

Poderase participar a nivel persoal e familiar, decorando o teu balcón ou xanela, ou a nivel empresarial, decorando o escaparate do seu comercio. Estas deberán ser visibles desde a rúa e non poderán supoñer ningún perigro para a vía pública, debendo terse en conta as posibles inclemencias metereolóxicas. Ademais, valorarase o uso de materiais reciclables e a temática natalicia. Os elementos decorativos deberán permanecer expostos como mínimo do 20 de decembro ao 7 de xaneiro. Podes consultar as bases na súa conta de Facebook.