CAMELIAS MASCOTAS

A supervivencia do videoclub

Non hai tantos anos, case cada barrio tiña un videoclub de seu. Non hai tantos anos que apurabamos para poñernos de acordo entre a familia ou os colegas sobre que película alugar, pois as estreas escaseaban á última hora do venres. E xa non digamos do sábado. Os xa non tan novos lembramos, talvez con vergoña, aquel filme que alugamos ducias de veces na adolescencia ou aquel polo que pagamos un recargo con sabor a multa despois de telo esquecido toda a semana dentro do aparello reprodutor.

Todos eses recordos están en débeda con George Atkinson, un deses nomes inexplicablemente esquecidos pola Historia. Nado en Shanghai da unión dun inglés e unha rusa, pouco antes da segunda guerra mundial, Atkinson pasou varios anos nun campo de concentración xaponés antes de emigrar aos Estados Unidos, onde estudou e traballou disciplinas tan dispares como as de actor ou soldado. Algúns anos máis tarde abriu unha tenda de proxectores e películas Súper 8 (e contan que ademais de vendelos, tamén os alugaba). Nesas andaba el cando en 1977 a 20th Century Fox sacou ao mercado medio cento dos títulos máis populares do momento en formato Betamax. Cada cinta custaba uns cincuenta dólares e o reprodutor pasaba dos mil. George Atkinson decatouse de que o negocio do cine era moito máis efémero que o da música ou o dos libros. A xente atesouraba con pracer as novelas de Hemingway e escoitaba os discos dos Beatles unha e outra vez, pero non acontecía o mesmo con Sorrisos e lágrimas, filme que axiña sería destronado polo seguinte musical. A demanda e mais o alto prezo de mercar a copia dun filme daquela, déronlle a Atkinson a idea de poñer as películas en alugueiro, dándolle vida ao primeiro videoclub da historia, mudando así os hábitos de consumo cinematográficos durante varias xeracións. Cando chegaron as demandas das produtoras contra Video Station (así se chamaba o negocio de Atkinson), o videoclub xa era un éxito. A idea de ofrecer cinema á carta non tardou en popularizarse nos Estados Unidos e cruzar o charco para chegar a España, onde o primeiro videoclub abriu en Barcelona só tres anos máis tarde, en 1980. Por suposto e por fortuna, tamén en Vigo proliferaron estes negocios…

REVISTA NOVEMBRO

Hoxe na nosa cidade sobreviven seis videoclubes que son xa auténticas resistencias. Moitos apartaron as películas dalgúns andeis para ocupalos con aperitivos, bebidas e prensa, absorbendo así a actividade dos quioscos, ironicamente, outro dos negocios fagocitados polo consumo da prensa en internet. É o caso do Coliseo, un pioneiro do Calvario, que agora utiliza como reclamo principal os videoxogos. A metade destes negocios están reconvertidos en supermercados de vinte e catro horas, aínda que seguen mantendo oco para os filmes en DVD e Blu-ray. É o caso dos da rúa Barcelona, o do Calvario ou o antigo Vídeo Futuro, na rúa de Venezuela. Tres locais que pertencen a unha mesma persoa que admite que «xa non paga a pena falar do videoclubes». «Chegades tarde», sentencia antes de colgar o teléfono.

Un dos que se mantén con máis temperanza é Krypton, lugar que conserva a estética coa que abriu, alá polo ano 1986, na rúa da Florida. Traspasar a porta deste lugar con nome de patria súper heroica é unha pracenteira experiencia de regreso ao pasado. Antonio Pombo lembra como seu pai empezou vendendo «betas» e que abriu o negocio do alugueiro fílmico recomendado por un amigo, por ser un modelo rendible daquela e conta que os hábitos da clientela non cambiaron: «O que máis sae segue a ser o cine de acción e o terror, sobre todo o terror. E iso xa era así hai trinta anos». O que si mudou é a cantidade de xente que entra. Antonio cóntanos que o descenso comezou coa piratería: «Hai xa toda unha xeración que se criou descargando ilegalmente e nunca pisou un videoclub. O eMule fíxonos moito máis dano que Netflix». A idade dos clientes do videoclub Krypton oscila entre os trinta e os cincuenta anos, persoas con acceso diario á tecnoloxía, pero que «consideran  que o servizo de asesoramento persoal que ofrecemos non pode ser substituído polo consumo en internet», afirma con o dono do local con orgullo súper heroico.

Texto e foto: Paula Cermeño

The following two tabs change content below.

Paula Cermeño

Paula Cermeño é licenciada en xornalismo pola USC, pero a súa principal ocupación é viaxar. Mentres aforra para dar a volta ao mundo, traballa como redactora e xestora cultural. Gústanlle os libros, o audiovisual, o teatro e o rock and roll, por iso é doado avistala en moitos dos saraos vigueses.