COSTEIRASONORA
REVISTA VERAN

A reunión irmandiña

O primeiro acto público das Irmandades da Fala fíxose en Elviña (A Coruña). A crónica, recollida n´A Nosa Terra, describe os rostros de abraio dos labregos: que diantres fan estes señoritos falando en galego? Cinco anos depois (logo hai un século) houbo cónclave irmandiño en Vigo. O lugar da convocatoria foi o Tamberlick. Cantas lembranzas da vida social sob as voutas do Teatro-Circo! Todas elas asolagadas pola barbarie do urbanismo caníbal.

Haber, había 38 delegados. Pouca militancia para un proxecto tan ambicioso como era a autonomía política. Un tema que os demais partidos miraban con distancia cando non con desprezo. E quince anos despois Galiza votaba de maneira unánime polo Estatuto. Non é unha verdadeira proeza? De entre os asistentes estaban Cabanillas, Castelao, os Villar Ponte, Otero Pedrayo… Na mesa presidencial emerxe o rostro de Enrique Peinador, dono do Hotel-Balneario de Mondariz e un dos empresarios máis podentes dos habidos nese tempo. Dos delegados de Vigo destaca o raparigo de Náutica: Manoel Antonio, residente no Paseo de Afonso XII.

Precisamente o poeta dos mares carnais publicou un manifesto canda Xavier Soto denunciando a negativa do Concello de Vigo a ondear a bandeira galega no edificio consistorial (a actual Casa Galega da Cultura). Por dúas veces os munícipes votaron contra esta moción. Á calor da asemblea irmandiña distribuíron este manifesto rebelde que trae consigo un aroma ao Máis Alá!

Os soñadores da patria futura debateron durante tres días do abril do 21 sobre cales eran os vieiros propicios polos que debía transitar o nacionalismo. Houbo verbas intensas porque intenso foi o debate arredor da cuestión electoral: participar ou absterse, como resposta ao enguedello caciquil? O pacto de armisticio que asinaron as dúas partes, fráxil como o vidro, durou o voo dun pardal. Meses despois estouraban as Irmandades na IV Asemblea celebrada en Monforte de Lemos. Un chisco máis tarde, Primo de Rivera puxo fin definitivo a tanta leria.

As alpargatas dos mozos de corda, os pantalóns desfarrapados dos obreiros manuais ou as blusas molladas das pescantinas do Berbés contrastaban cos traxes a medida dos irmandiños. Mais estes sabían que neles residía o verdadeiro ser do pobo galego e cando eles tomasen conciencia de ser quen son, Galiza sería fiel a si mesma.

SONRIAS

Hoxe o busto de Peinador saúda os estudantes de Empresariais na zona de Peritos. Imaxino a cara de moitos deles ao descubrir quen era e que lingua falaba: o mesmo abraio ca os labregos de Elviña.