UVIGO
FILLOAS

A Reconquista atrásase unha semana e amplía o seu radio de acción

A festa popular máis importante de Vigo, a Reconquista, xa ten datas. Este ano ten a particularidade de que, por mor da Semana Santa, as celebracións van ten lugar con dúas semanas de diferenza. A celebración comezará os días 23 e 24 de marzo e continuará os días 5, 6 e 7 de abril. Tamén se anunciou que a rúas Elduayen e o Paseo de Alfonso XII van acoller parte do mercado.

Un francés cun chouripán e unha viguesa cunha botella de viño danzan ao son dunha gaita, un tambor e un bombo. Arrriba, o skyline do Berbés. Esta é descrición do novo cartel da festa da Reconquista, obra do deseñador e músico Rubén Suárez. O cartel tamén nos descobre unha das particularidades desta celebración: as datas.

Rubén Suárez posa co cartel da Reconquista | P. Vázquez

Por mor da celebración da Semana Santa (o día 28 de marzo cae en Xoves Santo), este ano a Reconquista divídese en dúas fins de semana separadas por outra de barbeito. Polo tanto, a festa comezará o sábado 23 de marzo coa representación da destitución da corporación municipal e continuará ao día seguinte coa saída do exército napoleónico polo Casco Vello. Aínda que haberá algunhas actividades e obradoiros, esta gran romaría urbana proseguirá en abril, os días 5, 6 e 7. O venres 5 abrirá o popular mercado e o domingo 7 será o día grande, coa tradicional representación na que os vigueses botan aos franceses da vila. Antes, o 3 de abril, terá lugar a Reconquistiña, onde case 2000 nenos e nenas invadirán as rúas do centro.

Outra das novidades é que a Reconquista gaña terreo respecto a edicións anteriores. Ademais da nova Porta do Sol, xa incorporada na última edición, a festa expandirase pola rúa Elduayen ata chegar ao Paseo de Alfonso XII, onde estará situado un dos oito torreiros que albergarán as actuacións. Outro estará no Berbés, outro na Porta do Sol e o resto espallados pola zona vella. Unha destas actuacións musicais será do Grupo Mayalde, unha agrupación salmantina con máis de catro décadas de actividade.

CAMELIAS NADAL

En 2019 a Reconquista foi recoñecida como Festa de Interese Turístico Nacional. Esta celebración naceu en 1997 da man da veciñanza do Casco Vello, que vían como o seu barrio estaba degradado e só saía na prensa por cousas malas. “Metéusenos na cacholaque a xente tiña que falar ben do barrio e así xurdiu a idea. O obxectivo está máis que superado, pois é a festa da contorna e, para moita xente, a festa de Vigo”, dixo a esta revista Fiz Axeitos, membro da Asociación Veciñal e Cultural Casco Vello de Vigo desde hai décadas. A festa foi medrando, pero sempre cos veciños e veciñas como protagonista, tanto da organización do evento como do elenco de actores das representacións.