CAMELIAS MASCOTAS

A escritora Rexina Vega, Cunqueiriana de Honra 2021

Tras unha vida dedicada a pescudar na obra deste autor, a profesora e investigadora Rexina Veiga confesa que sinte “unha enorme gratitude”. Recibirá a distinción o 28 de febreiro en Mondoñedo, coincidindo co cabodano do 40 pasamento do sobranceiro escritor Álvaro Cunqueiro.

A profesora e investigadora Rexina Vega

A súa fascinación por Álvaro Cunqueiro chegoulle a Rexina Vega, escritora e profesora do Departamento de Lingua Española da Universidade de Vigo, na adolescencia, cando estudaba o bacharelato e, desde entón, dedicou boa parte da súa carreira como investigadora a afondar na obra deste autor. Todo este labor converteuna nunha reputada especialista na vida e obra do artista e fíxoa merecente de ser designada Cunqueiriana de Honra de 2021, nomeamento que foi decidido pola comisión delegada a tal efecto polo Concello de Mondoñedo e a Casa-Museo Álvaro Cunqueiro nunha reunión telemática que tivo lugar a pasada fin de semana.

REVISTA NOVEMBRO

Vega destaca que se trata “dunha grande oportunidade para revitalizar a obra deste autor, un dos grandes activos que temos na nosa literatura”. Ademais, recoñece o gran traballo dos seus compañeiros de investigación: “vai por min e por todos eles,  xa que hai unha presadiña de estudosos cunqueirianos que levamos toda a vida estudando a obra deste autor, media ducia de investigadores, algún deles compañeiros meus nesta universidade”.

Entre os sobresaíntes méritos intelectuais que Rexina Vega atesoura como estudosa e investigadora da obra de Cunqueiro, a comisión quixo destacar o gran número de publicacións que desde hai 30 anos a ensaísta viguesa deu a coñecer arredor da vida e obra do autor mindoniense. Así, referiu títulos coma a súa guía de lectura sobre Os outros feirantes (1992), a monografía Álvaro Cunqueiro. Unha poética da recreación (1997), o volume de ensaios Álvaro Cunqueiro e as amizades catalanas (2003) ou o libro audiofotobiográfico Álvaro Cunqueiro. Fotobiografía sonora (2009). Tamén puxo en valor a súa tese de doutoramento Bilingüismo e  autotradución en Álvaro Cunqueiro (2000) defendida na Universidad Autónoma de Barcelona.

Ademais destes volumes, a comisión destacou os moitos artigos publicados por Rexina Vega sobre o mundo cunqueiriano nas máis prestixiosas revistas galegas, estatais e internacionais, así coma as numerosas conferencias, entrevistas e colaboracións sobre Cunqueiro que levou a cabo ao longo de tres décadas de investigación.  Vega fixo tamén fincapé na necesidade de honrar a  Cunqueiro e conseguir que este autor estea máis presente na vida das galegas e galegos: “Hai que ler máis a Cunqueiro e non me refiro ao Cunqueiro máis anecdótico, por dicilo de algún xeito, autor de textos como Merlín e familia ou Xente de aquí e acolá, a súa obra vai moito máis aló e, en moitas ocasións, é moi difícil de ler e proxecta un tipo de literatura que pon en cuestión os modos de representación”.