VIALIA
bannerPicnicSesions

A película ‘Honeymoon’ abrirá o festival de Cans

‘Honeymoon’, dirixida po Enrique Otero, foi escollida para abrir a XX edición do Festival de Cans, que se celebrará do 16 ao 20 de maio. Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, protagonistas do filme, asistirán a presentación do festival.

A XX edición do Festival de Cans, que terá lugar do 16 ao 20 de maio, anunciou hoxe que o filme ‘Honeymoon’, de Enrique Otero protagonizará a sesión inaugural do certame, o xoves 18 de maio.  A presentación da película, que terá lugar en Cans antes de chegar ás salas de cinema, estará apoiada polos protagonistas da mesma, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, e por outras actrices e actores galegos que forman parte do filme, como María Vázquez ou Antonio Durán ‘Morris’.

REVISTA ABRIL

‘Honeymoon’, un filme producido por Control Z, Accamedia Productions e Televisión de Galicia, conta a historia de Eva (Nathalie Poza) e Carlos (Javier Gutiérrez) un matrimonio en destrucción ao que son mantén unido o recordo do seu falecido fillo Jonás que acaba de morrer nun accidente a miles de quilómetros de distancia. Sen cartos para recuperar o corpo do seu fillo, o matrimonio emprende unha viaxe de destino incerto para tratar de traer de volta o cadáver. O filme chegará a Cans despois do seu paso, con moi boas críticas, polo Festival de Málaga.

Os actores protagonistas do filme estarán en Cans para asistir ao icónico desfile de chimpíns e manter un encontro co público. Primeiro estarán acompañando a proxeción do filme o xoves 18 de maio no Círculo Recreativo Cultural de O Porriño, con entrada gratuita ata completar o aforo, e ó día seguinte, ó venres 19, asistirán a un coloquio matinal aberto no Torreiro de Cans.

O festival presentou tamén a imaxe e as camisolas da XX edición, realizada por Pablo Rodríguez de Rei Zentolo. A primeira tanda de camisolas e entradas estará á venda desde hoxe xoves na tenda online do festival de Cans. Será un pack de entrada, camisola, chapa de edición limitada e catálogo do festival cun prezo de só 20 euros para os primeiros 300 compradores, fronte ó prezo final dos 29 euros que terá a partir do 10 de abril.