VIALIA
bannerPicnicSesions

A Orquestra Clásica de Vigo celebra o seu 35 aniversario con seis concertos

A Orquestra Clásica de Vigo conmemora o seu 35 aniversario con seis concertos singulares e contemporáneos ata final de ano, cos que pretende trazar unha liña coherente e ecléctica dentro da música clásica. O primeiro terá lugar o 7 de marzo no Teatro García Barbón.

A formación local cumpre 35 anos e queren celebralo cunha ambiciosa e variada programación ata final de ano. Seis concertos nos que atoparemos tanto obras de Vivaldi e Beethoven como a banda sonora de Harry Potter ou instrumentos electrónicos. Estas actuacións terán lugar no Teatro García Barbón, no Auditorio Municipal do Concello e no Museo MARCO. Todas elas estarán fiadas entre si, agrupadas por contrastes e artistas complementarios. Podes mercar as entradas para o primeiro concerto desde 5€ a través desta ligazón.

Este concerto inaugural será o vindeiro 7 de marzo no Teatro García Barbón e xirará arredor da figura de dous grandes compositores que viviron ao mesmo tempo: Ravel e Vaughan Williams. A orquestra estará dirixida por Alessandro Arnoldo e de solista estará Cláudio Clemente Valente dos Santos.

O segundo será un concerto clásico o 6 de abril no Auditorio Municipal do Concello que abarcará tanto o barroco como o clásico, con obras de Purcell, Vivaldi ou do primeiro Haydn. Esta proposta de caracter clásico lembra a que tiña a Orquestra aos seus comezos fai 35 anos. O director será Manuel Martínez e David Garrido o solista.

O 4 de maio voltan ao século XX coa obra de dous compositores coetáneos como son Francis Poulenc e George Gershwin. Un concerto protagonizado polos pianos solistas de Severino Ortiz e María del Mar Blanco, que encherán de fermosas melodías o Teatro García Barbón.

REVISTA ABRIL

O 12 de outubro ofrecerán un programa baseado na música de dous imprescindibles da música romántica cunha selección na que estará presente a forza sinfónica de Beethoven e a música para piano e orquestra de Mendelssohn. O director será novamente Manuel Martínez e o solista o vigués Jorge Abreu Seoane.

Xa en novembro, o día 16 ofrecerán no Museo MARCO unha práctica electroclásica, na que a sección de vento da Orquesta Clásica de Vigo traballará con distintas propostas artísticas que integren a música clásica, a electrónica e o audiovisual. Con este concerto buscan ofrecer unha visión aberta e sen prexuízos deste xénero, no que a música electrónica ten presenza desde hai máis de 100 anos.

Por último, o 28 de decembro terá lugar o Concerto Extraordinario de Nadal, no que presenciaremos unha mestura entre a música de Sibelius e a de John Williams. O programa combina, baixo criterios de uniformidade sonora, a música composta para a banda sonora do filme Harry Potter co impresionante Concerto para violín e orquestra de Jean Sibelius, que será interpretado pola violinista suíza Maristella Patuzzi. Unha forma de aunar a paixón pola música sinfónica e polas bandas sonoras nun mesmo concerto.