CAMELIAS MASCOTAS

A Fundación Sales albergará un ciclo de concertos durante o verán

O único xardín botánico da cidade, a Fundación Sales, albergará entre a súa frondosa vexetación nove concertos entre xullo e setembro. A oferta musical será de gran variedade, pois atoparemos artistas de pop, jazz, reggae, bossa nova, soul e rock and roll. As entradas xa están á venda na súa web.

Presumido actuando en 2019 na Sales | P. Vázquez

A Fundación Sales volve encherse de música ao aire libre este verán, nunha iniciativa que promete nove concertos durante xullo, agosto e setembro. As entradas, que custan entre 12 e 15€ (consumición incluída), serán individuais para cada xornada e permitirán o acceso desde as 18:00 ata o remate do concerto. Antes e despois das actuacións haberá unha sesión DJ para amenizar aos alí presentes, que poderán dar unha volta polos xardíns ou tomar algo na terraza. Todas estas xornadas musicais, agás a última do 11 de setembro, terán lugar os xoves.

A maior parte da programación está conformada por artistas locais de múltiples estilos. Desde o jazz de Yago Vázquez ou o pop de influencias latinas de Pablo Lesuit ata o rock and roll instrumental dos Pontiacs ou o reggae de Elephants Yard, pasando polo spoken word musicado de Pólvora ou a mestura de xéneros de raíz negra de BlackStereo. Un coctel variado, saboroso e de quilómetro 0. A continuación o calendario completo:

  • 1 xullo: Cora Velasco + DJ Gus
  • 8 xullo: Pablo Lesuit + DJ Gus
  • 15 xullo: BlackStereo + Novio Cadáver
  • 22 xullo: Tinta + DJ Gus
  • 29 xullo: Los Pontiaks + Novio Cadáver
  • 12 agosto: Yago Vázquez Jazz
  • 19 agosto: Asaí Bossa Nova
  • 26 agosto: Pólvora
  • 11 setembro: Elephants Yard