A fotógrafa Estela de Castro ofrece unha ‘masterclass’ gratuíta en A Laxe
O Centro comercial A Laxe pon en marcha a segunda edición de Objetivo A Laxe, un programa centrado na fotografía con masterclasses para adultos, con Estela de Castro e Joan Roig, unha exposición e talleres de fotografía para nenos.
A retratista Estela de Castro é o prato forte do II Objetivo A Laxe que comeza este venres 31 de maio no Centro Comercial A Laxe. A fotógrafa e activista madrileña é coñecida polos seus potentes retratos, tanto de persoas como de animais, sendo especialmente famosos os da Casa Real Española. A experta abrirá a programación o 31 de maio cunha masterclass de 17:00 a 21:00 cunha actividade titulada Sobre el retrato na que compartirá algunhas das súas chaves para perfeccionar os retratos e que está destinada a todos os públicos, desde afeccionados a profesionais da fotografía. A actividade terá lugar na azotea do Centro Comercial con entrada de balde e aforo limitado que se irá enchendo por orde de chegada.
A segunda masterclass será o 7 de xuño e estará impartida por Joan Roig, fotógrafo valenciano especialista en arquitectura. A súa sesión leva por título Procesando e nela afondará nos procesos de edición e corrección de color das fotografías. Tamén será gratuíta con acceso por orde de chegada, en horario de 17:00 a 21:00. Celebrarase no Local 5, na primeira planta do Centro Comercial.
Os dous venres seguintes, 14 e 21 de xuño, levarase a cabo un taller de fotografía para público infantil a partir de oito anos. Realizarase entre as 17:30 e as 19:30 e a participación será gratuíta con prazas limitadas. Ademais dos obradoiros, ata o 10 de xuño poderá desfrutarse dunha exposición na plata baixa de A Laxe con obras de Estela de Castro, Joan Roig e os galegos Agostiño Iglesias, Sara Iglesias e Brais Lorenzo.