JORGE PARDO

A feira Vegana.gal regresa ao IFEVI coa “empatía e a sostibilidade” como bandeira

A feira Vegana.gal regresa coa súa 5ª edición, consolidándose como un dos eventos de referencia a nivel estatal dedicados á empatía interespecie e á sostibilidade. A cita terá lugar os días 25 e 26 de outubro de 2025 no Instituto Feiral de Vigo (IFEVI) e reunirá empresas, produtoras e entidades comprometidas cun modelo de consumo máis ético e responsable.

Pasada edición de Vegana.gal |  Iván Eiroa

O xoves 27 ábrense as inscricións para expositoras, ofrecendo ás marcas e proxectos a oportunidade de presentar os seus produtos e servizos nun espazo de encontro que cada ano atrae miles de visitantes. Poderán solicitar a súa participación todas aquelas entidades públicas, privadas ou de acción social que conten cunha produción vegana e sostible, así como santuarios e oenegués dedicadas ao coidado dos animais e á promoción dun estilo de vida respectuoso co planeta. Ademais da zona expositiva, a feira contará cun programa divulgativo e de lecer, en liña co das edicións anteriores, con conferencias, demostracións culinarias, obradoiros e actividades para todos os públicos.

Un dos eixos fundamentais de Vegana.gal é o apoio ao tecido social e produtor local e galego, impulsando proxectos que traballan por un modelo económico máis ligado á natureza. “En Galicia contamos con recursos naturais excepcionais; se os coidamos e xestionamos con respecto serán a base do noso futuro. O mar, os bosques e a terra fértil non só forman parte da nosa paisaxe, senón tamén da nosa identidade e dunha economía que pode ser sostible se apostamos por modelos máis responsables e respectuosos co resto das especies animais”, destacan desde a organización.

Pasada edición de Vegana.gal |  Iván Eiroa
DEPO

Ao mesmo tempo, a feira recoñece e valora o traballo de grandes iniciativas estatais e internacionais, que teñen contribuído a estruturar e profesionalizar un sector en continuo crecemento, favorecendo a creación de redes e colaboracións entre distintos territorios. Este ano, a imaxe de Vegana.gal é obra da deseñadora viguesa María Llauger, cuxo traballo capta a esencia da feira e o seu compromiso cun mundo máis xusto e sostible.