A cociñar: roscón de Reis
Un dos regalos máis típicos que deixan os Magos de Oriente por estes lares é o roscón de Reis. Un doce que debe preparase con tempo e agarimo para un resultado óptimo. Pero moito ollo: a masa esconde unha faba e quen a atope deberá pagar o roscón do ano que vén! Participa no sorteo dun roscón de Reis da panadería El Trigal e lote de cunca, calcetíns e camiseta de Rei Zentolo, na nosa conta de Instagram.
Ingredientes
- Azucre (100 gramos)
- Azucre perlado ou azucre humedecido
- Esencia de anís (1 cullerada)
- Fariña de trigo (500 gramos)
- Leite (50 mililitros)
- Fermento fresco (20 gramos) ou fermento seco (7 gramos)
- Froita confeitada (ao gusto)
- Leite (150 mililitros)
- Manteiga de vaca (80 gramos)
- Reladura dun limón e dunha laranxa
- Ovos de Demillo (3 unidades)
- Sal (unha chisca)
Elaboración
Vinte e catro horas antes da cocción, engádenselle ao fermento escollido —fresco ou seco— 50 mililitros de leite morno e unha culleradiña de azucre. Ao outro día, botamos a fariña peneirada nunha cunca e facemos un buraco no centro. Engadimos o azucre, dous ovos de Demillo, a manteiga a temperatura ambiente, as reladuras de laranxa e limón, o sal, e a esencia de anís. Por último, xuntamos todo isto co fermento, mesturándoo todo coas mans. Mentres amasamos, engadimos aos poucos 100 mililitros de leite morno ata obter unha masa elástica e homoxénea coa que formamos unha bóla que colocamos nunha cunca lixeiramente engraxada que despois cubriremos cun pano húmido. Deixamos a masa a levedar nun lugar cálido durante unha ou dúas horas. Cando se duplique o volume da masa, colocámola sobre unha superficie lixeiramente enfariñada, facémoslle un buraco no centro e estirámola suavemente ata formar un anel grande. Para manter a tradición do factor sorpresa, escondemos unha faba na masa e tamén se pode engadir unha sorpresa positiva, como unha figuriña de porcelana —que non sexa nada tóxico e ollo despois ao morder!— Colocamos o roscón sobre o papel de forno, pintamos a superficie cun ovo batido e decorámolo coa froita confeitada e o azucre humedecido. Deixamos repousar o roscón durante uns 40 minutos e, finalmente, enfornámolo durante uns 25 minutos ata que o roscón colla esa cor dourada que caracteriza este manxar digno da máis exquisita das realezas.
Demillo
Máis de medio século de tradición no sector avícola respaldan esta empresa que apostou pola recuperación do ovo tradicional de Galicia, de galiñas alimentadas a base de millo. Esto apórtalles un color e sabor únicos de maneira natural.