ASNEVES
REVISTA MAIO

A Clásica rematará o ano con tres concertos de ‘son propio’

As citas do ciclo Son propio da Orquestra Clásica serán os días 28 de setembro, outubro e decembro e estarán centradas no clasicismo. O concerto de Nadal correrá a cargo do pianista galego Abe Rábade. Xa están á venda as entradas do concerto da semana que vén.

A Clásica, con este novo ciclo chamado Son propio, defende a importancia de deixar pegada na cidade ao tempo que fai referencia á súa aposta por músicos e músicas da terra, tanto os da formación habitual da orquestra como os convidados para esta media tempada, na que contará cos pianistas galegos Severino Ortiz e Abe Rábade

En canto á liña da programación, a Clásica pretende reflexionar sobre a súa esencia, que a conduce constantemente ao clasicismo. A tempada reabrirase o vindeiro 28 de setembro, ás 20:00 horas, no Auditorio Municipal de Vigo co concerto “Ventos do Clasicismo”, no que se mostrará a diversidade e riqueza sonora da sección de vento da Clásica. O programa partirá da obra de Haydn, con arranxos propios, para chegar ao Beethoven que sentará as bases para a música de vento que coñecemos hoxe. A través da súa ollada, chegarase á escoita dos románticos Schubert e Strauss.

A orquestra continuará poñendo o foco no clasicismo no concerto do 28 de outubro: “O fío do clasicismo” versará sobre un dos binomios máis importantes da historia da música, formado por Mozart e Beethoven, introducindo a peza Concerto para piano e orquestra n. 20 en re menor de W. A.  Mozart, que será interpretada por Severino Ortíz. A Clásica pechará o ano co tradicional Concerto de Nadal o 28 de decembro, acompañada do recoñecido pianista galego Abe Rábade, interpretando unha obra a cabalo entre o jazz e a música sinfónica.

Abe Rábade nun concerto no Mar de Vigo en 2022 | P. Cermeño

Venda de entradas e abonos

Co fin de promover a asistencia de todos os públicos, a Clásica volve reducir os prezos. As entradas para o primeiro concerto (“Ventos do Clasicismo”, 28 de setembro) xa están á venda en Ataquilla.com a 10 euros e a 5 euros para menores de 16 anos. Ademais, as entradas na billeteira xusto antes do evento custarán 5 euros para menores de 30 anos.

A Clásica presenta de novo a opción do abono para os tres concertos deste final de temporada, co que o público terá dereito a acceder aos concertos sen esperas cunha única entrada (sen necesidade de trocar) e reservar a mesma butaca para todos os eventos. Os prezos varían desde os 21 euros ata os 39 euros en función da localidade.

Programación

VENTOS DO CLASICISMO

28/09/23 | 20:0h | Auditorio Municipal de Vigo

O FÍO DO CLASICISMO

28/10/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo

CONCERTO EXTRAORDINARIO DE NADAL

28/12/23 | 20:30h | Teatro Afundación de Vigo