A banda madrileña Burning encabeza a festa de aniversario de Vialia
O centro comercial Vialia celebra o seu terceiro aniversario a última fin de semana do mes cunha ambiciosa programación encabezada polo concerto da mítica banda madrileña de rock Burning, que fixo este ano medio século de vida.
O Centro Comercial Vialia prepárase para conmemorar o seu terceiro aniversario co Vialia’s Festival, un evento que encherá de música e diversión este espazo os días 27 e 28 de setembro. Este festival, de acceso libre, será o prato forte da programación do centro comercial para esta volta do verán.
Comezará o venres 27 de setembro ás 17:30 cunha actuación infantil, para dar paso ás 19:00 ao grupo Lontreira, unha das revelacións da música galega deste ano, e a Quinkillada ás 21:00, cun fin de festa por todo o alto. O sábado 28 de setembro, a festa continuará ás 16:30 con outra actuación infantil, seguida ás 17:30 horas polo coñecido DJ Groove Amigos ata as 18:30, cando un pasarrúas percorrerá o centro comercial e os seus arredores.
O broche de ouro será ás 21:00, cando o grupo madrileño Burning, un dos máis importantes do rock estatal desde hai cinco décadas, suba ao escenario para pechar o festival. Este 2024 o grupo lideerado por Johnny Burning, único membro orixinal, está a celebrar o seu 50 aniversario, despois de volver aos escenarios en 2022 tras uns anos de parón. Ademais, os clientes poderán gozar de máis de 2.000 premios e sorpresas.
Setembro, ademais, trae consigo unha axenda variada de actividades que complementan a celebración. Desde talleres infantís ata concertos e eventos culturais. Entre as actividades destacadas atópase a liga Xunta de Galicia de Break Dance o 7 de setembro e un ciclo de talleres infantís que arrincou o 3 de setembro coa Festa de Fin de Verán, seguido polo Taller Volta ao Cole o 10 de setembro, o Taller “Día da Paz” o 17 de setembro e o “Taller de Mini Xardíns” o 24 de setembro.
Ademais, o 20 e 21 de setembro, Vialia Vigo ofrecerá o Taller “Crea a túa Pizza”, unha actividade para os máis pequenos, na que poderán deseñar as súas propias pizzas presentando tickets de compra de Alcampo. Para finalizar o mes, o centro comercial conmemorará o Día Mundial do Doante de Medula o 20 de setembro, cunha conferencia informativa a cargo de autoridades sanitarias.