CAMELIAS MASCOTAS

Un xuño repleto de orgullo LGTBI

Xuño é o mes do Orgullo e a Asociación Nos Mesmas leva todo o mes reivindicándoo e celebrándoo cun intenso programa de actividades que culmina o sábado día 30 coa Festa Diversa na praza da Pedra e unha manifestación polo centro da cidade.

Foto de Débora Hervás

A asociación viguesa Nos Mesmas cumpre dez anos e aproveita para celebrar o Orgullo 2018 cun intenso programa de actividades no que haberá exposicións, mesas redondas, proxección de curtas, batucadas e ate unha gymcana LGTBI. Todo, nun ton reivindicativo pero sen que falte o humor. Os actos culminará o sábado día 30 coa gran marcha polo orgullo no que dende a asociación agardan superar o milleiro de persoas “unha cifra que se afasta moito das 7 que comezamos ao xestarse a asociación”.

Mañá xoves 21 inauguran no Centro Cívico do Casco Vello a exposición fotográfica ‘Amar non é un delito’. Esta mostra chega a Vigo da man de Amnistía Internacional que amosa a través das instantáneas de Pete Muller a situación das persoas LGTBI en cinco países africanos: Kenya, Uganda, Sudáfrica, Camerún e Zambia. A continuación, na Casa Galega da Cultura terá lugar unha mesa redonda que versará sobre ‘Dereitos LGTBI: A situación fóra das nosas fronteiras’. Nela intervirá unha representante de Amnistía Internacional que falará sobre a situación nos países africanos retratados na exposición e a presidenta da Asociación Kif Kif que dá acollida ás persoas que foxen do seu país pola súa condición sexual. O venres ás 17:30 Nos Mesmas ten preparada unha gymcana LGTBI polas rúas do Casco Vello que partirá da Porta do Sol. A modo de rastrexo os participantes terán que ir na procura das diferentes probas, unha vez as atopen terán que superar xogos de corte cultural e histórico, sempre relacionados co movemento. Ás 19:30 no Museo Marco terá lugar a proxección das curtas gañadoras e finalistas do festival andaluz ‘La Pecca’. O sábado celebrarán o San Xoan cunha fogueira TransMaricaBiBollo a partir das nove da noite na praia de Carril en Alcabre. O luns 25, Esther das Luras e Silvinha guiarán un Obradoiro de Regueifa Feminina na Casa das Mulleres. Consiste en levar o discurso feminista ao ámbito da regueifa que tradicionalmente sempre tiveron unha carga machista. O xoves 28 no Marco, baixo o título ‘Activistas na ruptura cisheteronormatividade’, Daniela da Asociación Amizando, Angel Amaro de A Galleira e Ana Ojea de Nos Mesmas debaterán sobre diversidade. O venres para ir quentando motores de cara a marcha do sábado haberá pasarrúas de Batucada polo Casco Vello e o centro da cidade. Pero o día grande é o sábado 30 no que a partir das 18:00 a praza da Pedra será o gran epicentro da Festa Diversa. Ás seis da tarde haberá un Obradoiro de Batucada no que todo aquel que queira aprender a tocar algún instrumento de percusión pode achegarse a probar e as 20:00 terá lugar o pregón a cargo da compañía teatral A Panadaría. Ás 20:30 dará comezo a manifestación do orgullo que partirá da praza da Pedra e fará un percorrido circular por Príncipe, Colón, Policarpo Sanz e o Casco Vello. Xa pola noite o show continuará cun espectáculo de transformismo e cabaré e a música de DJ Ingrid Mosquera e Rnst DJ.

(GMT+01:00) Centro Cívico do Casco Vello

(GMT+01:00) Casa Galega da Cultura

(GMT+01:00) Centro Cívico do Casco Vello