Nace ‘Te Ama Vigo’, o primeiro certame de teatro amador local
Despois de varios intentos co Concello, os Grupos de Teatro Amador de Vigo conseguiron organizar o I Certame de Teatro Amador Te Ama Vigo, que terá lugar no Auditorio Municipal desde comezos de maio ata finais de xuño cun total de trece representacións de trece compañías distintas.

O próximo venres 2 de maio remata VigoCultura, o programa local de artes escénicas que se celebra cada ano no Auditorio Municipal, coa representación da peza Manuela Rey is in da house. Ao día seguinte, o sábado 3, dará comezo no mesmo espazo o I Certame de Teatro Amador baixo o nome de Te Ama Vigo, que se estenderá ata o 29 de xuño cun total de trece actuacións durante as fins de semana. A primeira obra será ¡Qué dos! da Asociación Allegro Teatro e a última Feituras de Troate Laboratorio.
Detrás desta iniciativa están os Grupos de Teatro Amador de Vigo, que na actualidade están a preparar a documentación para converterse en asociación. Isto cóntanolo Pablo Fernández Bello, representante do grupo Porta Aberta e membro da comisión de representación de 18 grupos de teatro amador de Vigo: “O teatro amador sempre tentou ter presencia no Concello de Vigo, algo que leva loitando durante bastante tempo. En concreto desde a desaparición do programa Vigo a Escena, último programa municipal con participación do teatro amador”, explica.

Aínda que soe sorprendente, ata o de agora as compañías locais de teatro non profesional non tiveron a oportunidade de actuar no Auditorio Municipal. Foi en xaneiro de 2024, nunha reunión co actual concelleiro de cultura, cando conseguiron chegar a un acordo. A proposta inicial por parte dos grupos vigueses da Federación Galega De Teatro Afeccionado (FEGATEA) era realizar dúas actuacións anuais de cada grupo, unha no centro da cidade e outra nos centros culturais colaboradores (sobre quince). “A partir de aí, e con dúas entrevistas máis, conseguiuse a reserva do Auditorio para a realización do certame nos meses de maio e xuño e nada máis“, di Pablo coa esperanza de que, no futuro, acepten a outra parte da proposta.
