O MARCO homenaxea a Érguete polo seu 40º aniversario cunha exposición sobre a pegada das nais
O MARCO acolle desde este venres ata o 8 de xuño a exposición ÉRGUETE. A pegada das nais, unha homenaxe á asociación que este 2025 fai 40 anos. Á presentación non faltaron Carmen Avendaño, presidenta de Érguete e grande icono da loita contra a droga, e o resto de nais que plantaron cara ao narcotráfico nas décadas máis duras desta problemática.

O ano 2025 sinala o 40º Aniversario da Asociación Érguete, que naceu en 1985 da man dun grupo de nais unidas por un vínculo común: a drogodependencia dalgún dos seus fillos. Saíron á rúa, formáronse, sinalaron aos narcotraficantes, gañaron dereitos para as persoas con problemas de adiccións e abriron camiño a unha sociedade que, pouco a pouco, foi actuando fronte ao problema. Figuras clave da historia recente, a súa loita significou un antes e un despois.

As nais de Érguete atoparon no asociacionismo unha vía para darlle un novo significado á súa maternidade, entendida daquela como o fundamento dunha identidade feminina que as relegaba ao papel de amas de casa e esposas. Coa súa presenza na esfera pública, puxeron o corpo e a voz para encarnar, interpretar e sinalar todo aquilo que ata entón se mantivera oculto. A manifestación da súa dor e do seu trauma supuxo un desafío para a performance do Estado, que contrarrestaron mediante accións colectivas que abriron fendas na rede de narcotráfico en Galicia.

Durante as décadas dos oitenta e os noventa, lograron modificar a opinión pública, impulsar reformas no Estado de Dereito e exercer unha influencia significativa na percepción política e social da muller, así como na valoración do seu papel como nai e ama de casa. Aínda que a Asociación Érguete non naceu cunha orientación netamente feminista, fortaleceu e transformou a función da muller na sociedade.
Hoxe, pasadas catro décadas, unha exposición quere lembrar a estas nais e mostrar a importancia da súa pegada en Vigo, en Galicia e en todo o Estado. Xunto a unha selección de materiais gráficos, obxectos e documentación procedentes do arquivo e hemeroteca da Asociación Érguete, a mostra inclúe obras de artistas contemporáneas que dan forma a un contexto político e social dende unha diversidade de linguaxes e soportes.

A mostra conta con numeroso material de arquivo (recortes de prensa, fotografías, pancartas orixinais, letras das consignas das manifestacións…) e con obras de artistas contemporáneas como Eugènia Balcells, Cecilia Barriga, Javier Codesal, Maribel Domènech, Jana Leo, Elvira Martínez Villa, Alejandra Pombo Su, Bea Rey, Paula Santomé, Anna Turbau, Ana Vieira.

Horarios apertura
De martes a sábados (festivos incluídos), de 11.00 a 14.30 e de 17.00 a 21.00
Domingos, de 11.00 a 14.30