REVISTA FEBREIRO

O festival Freixo Rock celebra o seu 30 aniversario cun concurso de bandas emerxentes

Un dos festivais máis veteranos de Vigo, o Freixo Rock, celebra este ano 30 edicións cun concurso de bandas que quere manter vivo o espíritu co que naceu o evento: apostar polas bandas emerxentes. Aqueles grupos interesados en participar poden inscribirse ata o 1 de marzo ao premendo aquí.

É algo que acontece de xeito habitual: as bandas emerxentes non tocan nos festivais porque non teñen experiencia e non teñen experiencia porque non tocan nos festivais. Un círculo vicioso que complica moito a subsistencia de moitos grupos, sobre todo nos meses de verán, que se ven alleos ao coñecido como circuíto de festivais. O Freixo Rock, con tres décadas de bagaxe ás costas, quere rachar con esta tendencia e organiza un concurso de bandas emerxentes.

Participar é moi sinxelo: as bandas interesadas só teñen que cubrir un breve formulario antes do 1 de marzo. A banda escollida compartirá cartel con artistas do panorama estatal e internacional na XXX edición do festival, que se celebra o 26 e 27 de setembro en Freixo. O Freixo Rock é un festival autoxestionado e de balde que naceu en 1995 da man da Asociación Cultural Peña Freixo neste barrio de Valadares.

Xa que o termo emerxente pode ser algo ambiguo, a organización explícanos que consideran como tal aos “grupos autoxestionados sen unha promotora detrás ou con discos cunha discográfica independente”. Tamén valorarán os anos en activo ou os espazos nos que compartiron a súa música (pequenas salas, festivais independentes…). Estas decisións serán tomadas por un xurado interno, que escollerá a unha serie de finalistas. Neste punto entra en xogo a votación popular a través das redes sociais, o que axudará a elixir aos vencedores.