ARRIBADA

Ciudad Aventura celebra un ano de diversión e aprendizaxe

A ludoteca de Navia Ciudad Aventura fai un ano na cidade e celébrao nunha festa de aniversario para familias con actividades especiais.

Conciliar non é sempre tarefa fácil, pero desde hai un ano as familias de Navia contan cun valioso ás na manga: Ciudad Aventura, un espazo polivalente e flexible no que os nenos se divirten e aprenden a través do xogo simbólico e dos obradoiros propostos.

O próximo domingo 9 pola mañá celebran unha festa de aniversario no seu local da rúa Teixugueiras. O festexo contará con xogos, merenda e un concurso de debuxo con dúas categorías por idades e premios. A festa ten un prezo de 12,00 € (con desconto do 10% en irmáns) e as prazas son moi limitadas, polo que é recomendable reservala canto antes no teléfono 604 04 53 92 ou enviando unha mensaxe a través de instagram.

No seu amplo local, situado na rúa Teixugueiras, dispoñen de varias estacións de xogo simbólico permanentes: pizzería, camión de bombeiros, estación de policía, mercado, clínica veterinaria, casiñas… Este tipo de xogo libre fomenta a creatividade e imaxinación da cativada, axúdalles a construír mellores relacións sociais e a comprender mellor o mundo que os rodea. Este espazo de xogo libre está dispoñible de martes a venres de 16:00 a 20:00 h.

Ademais de xogo libre, ofrécense dúas actividades extraescolares regulares para a rapazada de catro anos en diante: un laboratorio de arte e outro de cociña. No primeiro desenvólvese a creatividade experimentando procesos e técnicas a través de diferentes tipos de materiais, utensilios pouco comúns e técnicas de reciclaxe para crear arte sostible, e tamén hai tempo para que os participantes aprendan sobre os diferentes movementos artísticos e os seus principais representantes de maneira lúdica.

Pola súa parte, o laboratorio de cociña é unha actividade en que, ademais de recrear diferentes receitas, os pequenos chefs adquiren coñecementos básicos sobre nutrición, aprenden a diferenciar os alimentos e empregan utensilios de cociña. As clases de arte son os martes e mércores de 16:30 a 18:30 h e as de cociña, os xoves no mesmo horario.

As instalacións tamén están dispoñibles para a celebración de festas de aniversario tanto de nenos coma de bebés; organizan campamentos urbanos en todos os períodos non lectivos e moitos eventos puntuais interesantes para familias.