Neonia, luces da cidade invicta
No corazón do Porto sitúase Neonia, un antimuseo que mostra como nunca antes a cidade portuguesa. Os impulsores deste espazo interactivo de 1.500 metros cadrados propoñen coñecer o lugar que lle deu nome a Portugal a través de proxeccións, sons e xogos de luz con cores vibrantes; unha visión retrofuturista baixo un filtro cyberpunk. Inspirándose en espazos coma o TeamLab Borderless de Tokio, os creadores de Neonia son os primeiros en ofrecer nestes lares unha inmersión sensitiva que toma o nome das protagonistas luces de neon.
A visita transcorre a través de 19 salas nas que artistas portugueses e internacionais recrearon espazos icónicos e momentos históricos de Porto. É posible visitar o extinto Cine Águia D’Ouro para revivir como dous escaladores subiron ao cumio da Torre dos Clérigos, visitar por dentro o Mercado do Bolhão, simular unha viaxe nun vagón de metro do Porto ou perderse nunha viaxe polas viñas do Douro ata chegar ás bodegas onde se elabora o viño.
Unha pasaxe entre o pasado e o futuro explorando unha metrópole que ten tanto de real como de fantasía. A actividade ten unha duración estimada de entre unha hora e unha hora e media, aínda que cada visitante pode facer a visita ao seu ritmo. Este peculiar museo interactivo, que engaiola nenos e maiores, está aberto os sete días da semana desde as dez da mañá ata as nove da noite, arrancando o último pase ás sete e media da tarde (hora portuguesa).
Dada a afluencia de público, a organización de Nenonia recomenda reservar as entradas con antelación a través da web. Unha visita á República Portuguesa que promete ser unha aventura para os sentidos.
Rúa de Ceuta, 116 (O Porto) | neonia.com | +351 22 32