O musical Kinky Boots e o ballet clásico de Cuba farán brillar o Auditorio Mar de Vigo este Nadal
O Auditorio Mar de Vigo presenta unha ampla programación para os meses de outono e inverno que inclúe musicais, ópera, ballet, monólogos, música clásica, concertos e espectáculos para público familiar.
ÓPERA E BALLET
A gran ópera ‘Carmen’, unha das obras máis emblemáticas do repertorio operístico, regresará ao Auditorio Mar este sábado 2 de novembrO, presentada pola Compañía de Ópera Leonor Gago Artist Management, en colaboración coa Ópera Nacional de Moldavia. Esta obra mestra de G. Bizet, coñecida pola súa apaixonante historia de amor e ciumes, leva ao público nunha viaxe emocional a través das súas icónicas arias e melodías. Desde a súa estrea en París en 1875, Carmen converteuse nun mito que inspirou a artistas de diversas disciplinas. A produción contará cun elenco de talentosos artistas e solistas internacionais, acompañados dunha orquestra en directo que enriquecerá a experiencia e a maxia da ópera. No ámbito do ballet, o Auditorio presentará á esperada Gran Suite de Nadal do Ballet Clásico de Cuba o domingo15 de decembro, baixo a dirección de Laura Alonso, a filla da gran Alicia Alonso. Este espectáculo, que se erixe como un dos pratos fortes da programación, recrea os momentos máis memorables de clásicos como ‘El Lago de los Cisnes’, ‘La Bella Durmiente’ o ‘El Cascanueces’. Con 36 bailarines en escena, a Gran Suite presentará personaxes icónicos como ‘Carepuchiña vermella’ e o ‘Cisne Negro’, prometendo unha experiencia máxica para toda a familia. Ademais, ‘O Crebanoces‘ traerá a encantadora historia da Nadal o sábado 28 de decembro, capturando a esencia do ballet clásico con espléndidos vestuarios e decoracións. Por último, ‘O lago dos cisnes’ relatará o 25 de xaneiro unha cativadora historia de amor entre un príncipe e a hermosa Odette, destacando polo seu famoso pas de deux e a maxistral música de Tchaikovsky. Estas obras mestras celebran a maxia da danza e deleitarán ao público en cada función.
HUMOR
A comedia e os monólogos terán un papel fundamental nesta tempada, cun elenco de artistas que prometen facer rir a gargalladas. Juan Dávila, un fenómeno do humor que esgotou todas as entradas para as catro funcións que se desenvolverán entre o 15 e o 17 de novembro no Auditorio Mar de Vigo con ‘El Palacio del Pecado’, achegará un espectáculo atrevido e imprevisible que combina improvisación e un repaso divertido dos pecados capitales, garantindo risas e conexión co público. Doutra banda, Dani Martínez , coñecido polo seu carisma e talento, estará en Vigo o 21 e 22 de febreiro co seu show ‘Remember’, onde realiza un viaxe no tempo desde 2050 para recordar momentos memorables que non se deben esquecer, creando unha experiencia interactiva e divertida para todos. Mentes Peligrosas regresa o 22 de marzo cun espectáculo completamente renovado, onde Ana Morgade, Carolina Iglesias, Henar Álvarez e Lalachus unirán forzas para ofrecer unha festa da risa inigualable, con novos monólogos e gags que celebran a conexión entre o humor e a vida. Finalmente, Hovik Keuchkerian que regresa ao stand-up, traerá a súa liberdade de expresión e humor afiado o 28 de marzo prometendo provocar risas e reflexións sobre a vida e a sociedade co seu monólogo ‘Grito’.
MUSICAIS
Os grandes musicais e as grandes bandas tamén terán o seu momento de gloria no Auditorio Mar. O espectáculo ‘Queen Forever‘, protagonizado polo grupo finalista de Got Talent, promete revivir o 23 de novembro os clásicos que marcaron xeracións, ofrecendo unha experiencia inmersiva que transportará ao público aos icónicos concertos de Queen, como Live Aid e Wembley. A continuación, o gran musical chegado desde Broadway, Kinky Boots recala en Vigo o 13 e 14 de decembro e traerá á vida a historia inspiradora de Charlie Price, o herdeiro dunha fábrica de zapatos que está a piques de quebrar. Tras a morte do seu pai, Charlie descobre a Lola, unha artista de cabaret cun estilo único, e xuntos revolucionan a industria do calzado. O musical, producido por Theatre Properties en coprodución con Atresmedia e Rimas Europe, e coa colaboración do Grupo Eventix, conta cun elenco espectacular e destaca por 170 cambios de vestuario, 70 pares de botas e un despregue de cor e diversión. A música, composta por Cyndi Lauper, inclúe himnos como Raise You Up e Just Be, que abordan temas como a aceptación, a amizade e a superación dos prexuízos. Kinky Boots non é só un espectáculo, senón unha celebración de diversidade e empoderamento que fará rir, emocionarse e bailar a todo o público. Foi nomeado a 13 premios Tony e galardoado, entre outros, co Tony ao Mellor Musical. Por último, o 15 de febreiro 90’s Live & Philarmonic Fusion levará aos asistentes nunha viaxe nostálxica a través dos éxitos máis emblemáticos dos anos 90, interpretados por máis de 40 músicos da orquestra sinfónica Philharmonic Fusion, combinando a música en directo cun DJ para crear un espectáculo único que fará revivir os grandes momentos desta máxica década.
MÚSICA CLÁSICA
A música clásica tamén ten un espazo destacado nesta programación. Con concertos que celebran as melodías máis memorables do cinema como ‘A mellor música de cine: Williams y Zimmer‘, a través deste concerto que se celebra o 23 de demcembro os asistentes poderán gozar dunha experiencia auditiva única viaxando polas grandes bandas sonoras. O tradicional concerto de Aninovo, a cargo da Strauss Festival Orchestra celebrarase o 29 de decembro, despois dunha extraordinaria xira de 35 anos de éxito que conquistou as mellores salas de Europa. Este concerto presentará os títulos máis icónicos do rei do vals, como ‘El Bello Danubio Azul’, ‘La Fiesta de las Flores’, ‘Champagne’ ou ‘La Marcha Radetzky’. Por outro lado, a Film Symphony Orchestra tamén ofrecerá o seu novo espectáculo TARAB o 19 de xaneiro, nel fusiona a música de cine con emoción intensa, presentando melodías evocadoras de películas como ‘Dune’, ‘Oppenheimer’ e ‘Star Wars: El ascenso de Skywalker’. Ademais, ‘La Gran Antología de la Zarzuela‘ traerá o 13 de febreiro unha mestura de teatro e música coa Orquesta Filarmónica de España, que deleitará ao público con grandes temas do xénero.
CONCERTOS
Por último, os grandes concertos preséntanse como un broche de ouro a esta impresionante programación. Van Morrison Alumni Band, liderada por Leo Green, revivirá o 23 de xaneiro os grandesde clásicos de Van Morrison como Brown Eyed Girl ou Into the Mystic, nun espectáculo que celebra a un dos máis notables músicos do século XX. Café Quijano presentrán o 24 de xaneiro o seu último álbum, ‘Miami 1990’, que evoca o seu son máis auténtico e as súas historias entrelazadas. A elegante Madeleine Peyroux chega por primeira vez a Vigo o 1 de febreiro, co seu estilo de jazz que lembra a grandes como Billie Holiday, e presentará o seu recente traballo ‘Just Walk’. Ara Malikian unirase á celebración o 8 de febreiro, co seu novo espectáculo ‘Intruso’, que explora a riqueza da súa identidade multicultural a través da música. Depedro volverá ao escenario vigués o 7 de marzo co seu séptimo álbum, ‘Un lugar perfecto”, unha viaxe sonora que invita á reflexión sobre a esperanza e a conexión humana e xa, coa primavera moi perto, a icona do pop Anastacia pasará por Vigo o 16 de marzo para conmemorar o 25º aniversario do seu álbum debut ‘Not That Kind’. Esta será a primeira actuación da cantante americana en Galicia.
PÚBLICO FAMILIAR
Os máis pequenos terán un lugar destacado nesta programación cun variado bloque de espectáculos infantís. Entre as propostas, chega por primeira vez ao noso país ‘El Show de Bluey‘, a obra teatral baseada na serie de Bluey, que conquistou a nenos e pais por igual, ofrecerá o 9 e 10 de novembro unha experiencia divertida e educativa, permitindo ver en directo a Bluey, Bingo, e a mamá e papá Chilli e Bandit. Ademais, La Granja de Zenón presentará o 21 de decembro ‘En Busca del Arcoiris’, unha gran produción inmersiva onde Tito e Bartolito perseguirán o seu soño, acompañados de efectos sonoros e as mellores cancións da granxa. Tamén se presentará o 4 de xaneiro ‘Rock en Familia’, un espectáculo que levará aos pequenos a descubrir a historia e as cancións máis representativas de bandas como AC/DC, Queen ou The Beatles, todo guiado polo carismático Oso Rosendo. Finalmente o 16 de febreiro, ‘Vaiana – El Musical del momento traerá a maxia da cultura polinesia e as súas melodías vibrantes ao escenario, seguindo a viaxe da valente Vaiana para salvar a súa illa.
Toda a programación e información sobre as entradas pode atoparse na web do Auditorio Mar de Vigo e na billeteira www.teuticket.com.