CAMELIAS MASCOTAS

O futuro da literatura en xogo

Entre o mércores 6 e o domingo 10 de novembro celébrase en Vigo a primeira edición do HematoFesti, un evento que rende homenaxe ao Hematocrítico e que combina literatura infantil, humor, videoxogos e ilustración. Nas actividades participarán artistas como Amaral, Berto Romero, Lucía Aldao, Nacho Vigalondo, Carolina Iglesias ou Paco Roca. Aquí o programa completo.

A parella de escritores formada por Ledicia Costas e Miguel López e mais o debuxante e director de cine Alberto Vázquez, amigos e compañeiros de traballo, foron convidados en outubro de 2023 ao festival de literatura infantil Tuttestorie, que ten lugar en Cagliari, na illa italiana de Sardeña. Volveron daquela visita cunha idea común: «Sería marabilloso facer algo así en Galicia», explica Alberto. O proxecto viuse truncado en novembro polo inesperado falecemento de Miguel, coñecido popularmente como O Hematocrítico. Porén, os seus dous compañeiros decidiron retomar a idea. «Parécenos a mellor homenaxe que lle podemos facer a Miguel: crear un espazo con arte, videoxogos, literatura e humor no que dar continuidade ás súas ideas e libros», explica Vázquez, ilustrador de sete dos libros do seu finado amigo.

O HematoFesti, que se celebra na nosa cidade do mércores 6 ao domingo 10 deste mes de santos, rende tributo a unha figura de referencia no ámbito da literatura infantil e o humor dos últimos anos. A capacidade de Miguel para conectar cos máis pequenos a través de  historias como O lobo con botas ou Lendas do recreo e o seu enxeño en medios dixitais como o blog El Hematocrítico de Arte —ao que lle debe o alcume— e o seu perfil na rede social X (antes Twitter), convertérono nun autor admirado por varias xeracións. O programa é unha amálgama única de cousas que motivaban ao autor coruñés (humor, literatura infantil, música e videoxogos, principalmente) levada a cabo por unha ilustrísima lexión de amigos e admiradores. «Era unha persoa tan sociable e luminosa que todo o mundo se quixo apuntar a esta homenaxe sen condicións económicas», explica o tamén coruñés Alberto, aínda sorprendido por conseguir xuntar neste evento medio cento de artistas, unha selección de luxo con nomes como Amaral, Berto Romero, Lucía Aldao, Nacho Vigalondo ou Paco Roca.

Miguel López “O Hematocrítico”, Alberto Vázquez, Diego Arboleda e Eva Mejuto

«Era unha persoa tan sociable e luminosa que todo o mundo se quixo apuntar a esta homenaxe sen condicións económicas»

Alberto Vázquez, co-director do festival

A infancia é o período da vida en que máis se enche o tempo libre con literatura. En Galicia, o 86 % dos estudantes de primaria son lectores habituais, fronte ao 64,1 % dos adultos, e son os primeiros os que sosteñen, en grande medida, a produción de libros en galego. Así o recolle o último baremo de lectura elaborado pola Federación de Gremios de Editores de España (FGEE). Pese a isto, o escritor Diego Arboleda sente que os autores de literatura infantil teñen que facer un labor de activismo para conseguir espazo en eventos e medios de comunicación, polo que opina: «Penso que o HematoFesti está formulado desde esta postura reivindicativa». De feito, toda a xornada do sábado 9 está dedicada a falar de literatura infantil, con autores convidados como Sara Cano, Antonio Manuel Fraga, María Lado, María Solar ou o citado Arboleda. Este último, Premio Nacional de Literatura infantil e xuvenil de España en 2014 —un ano despois gañaríao Ledicia Costas— e asistente habitual a este tipo de eventos, móstrase abraiado coa «potencia e a variedade» da programación. Neste aspecto, a escritora e xestora cultural Eva Mejuto, que participa no evento tanto de xurado como de moderadora e relatora, resalta a aposta deste novo festival por tecer unha programación de calidade para o público infantil, xa que considera que en moitas ocasións faise dunha maneira moi laxa, pensando máis en que as familias teñan un sitio onde ter arrombados os nenos mentres os adultos se divirten. «O que máis valoro do HematoFesti é que pon a infancia no centro, considerándoa un público de calidade que merece todo o respecto», resume a autora.

«O que máis valoro do HematoFesti é que pon a infancia no centro, considerándoa un público de calidade que merece todo o respecto»

Eva Mejuto, escritora
REVISTA NOVEMBRO

«O mellor de traballar con Miguel era a honestidade e o sentido do humor», lembra Alberto Vázquez, que ilustrou algúns dos álbums máis populares do Hematocrítico, como o supervendas Feliz Feroz, cun dos personaxes aos que máis cariño lle garda da súa dilatada carreira. O pracer da lectura foi sempre o principal obxectivo da obra de Miguel López, que utilizaba o humor como vehículo intelectual, arredándose da instrumentalización didáctica que se lle dá en moitas ocasións á lectura infantil. Esta perspectiva pracenteira que atravesaba a obra —e a vida— de Miguel é compartida por Diego Arboleda. «A miña ilusión cando publico algo é que o lector o pase tan ben que queira ler máis libros», explica este autor, que aplica a súa creatividade na procura constante de novos xeitos de divertir á infancia. «Competimos con formas de ocio moi chulas e temos que estar á altura». Precisamente o festival contará co Espazo Gaming Nintendo, unha zona de videoxogos para explorar a creatividade do mundo dixital en paralelo ao da literatura. Tratar aos infantes como lectores completos implica ofrecer produtos moi variados que axuden a manter o interese polo papel cando entran na adolescencia. Eva Mejuto ten claro que o ecosistema literario galego carece de referencias que axudarían a facela máis atractiva fronte ao innegable atractivo dos contidos de Internet: «Falta máis novela romántica, ciencia ficción, aventuras, manga e máis banda deseñada en xeral».

Outro dos xeitos de facer máis atraente a lectura é a inclusión de ilustracións, algo común nos volumes dedicados á infancia e que tristemente a industria editorial deixa esmorecer nos libros para adultos. Diego Arboleda concibe os seus libros como unha simbiose de ilustracións e palabras: «Sempre teño a sensación de que me aproveito dos ilustradores, pois traballo con xente moi talentosa e acaba parecendo que eu tamén o son», chancea o autor. A ilustración converte os libros en obxectos artísticos atractivos e creativos, e en Galicia contamos cunha ampla nómina de artistas que despuntan neste ámbito, como, Mar Villar, Martín Romero ou Santy Gutiérrez,que contribuíron a retratar en imaxes a obra do eterno Hematocrítico.

Paula Cermeño
Redactora