O Marisquiño, Perseidas, ópera e Vive Nigrán esta fin de semana en Vigo e arredores
Desde festivais e mercados ata ópera e observación de estrelas. Esta fin de semana en Vigo e arredores vén cargada de plans. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
MERCADO MONA – De xoves a sábado de 11:00 a 21:00 no CC Gran Vía – De balde
Mercado de arte local que se celebra na planta 0 do Centro Comercial Gran Vía onde descubrirás novos talentos. Os participantes son: Jairo Valverde Art Work , Manos Creadoras 21, Mourín Design, Jack Andriano, 月 Yue, Sergio Covelo – Dibujante, Inspira Studio, Pablo Carreiro, Paula Hosho, Sylustrando, Henko, Sapos e Culebras, Macy Art, Uxia Franri, Julebv, &nes Crochet, Alma Hippie, Promised Land Creations, Isa Cobo, Drawing with José Perregil, Moonchild Shop, Basseven, Janneth Tabares, Taller de Yana e Larissa Lyra.
O MARISQUIÑO – De xoves a domingo en Samil, Náutico e Casco Vello – De balde
Este xoves 8 de agosto, e ata o domingo 11, bota a andar, ou a rodar, unha nova edición do Marisquiño, e xa van 24. A ubicación principal será, igual que o ano pasado, a praia de Samil, onde terán lugar as probas de skate, BMX, break dance e Flatland. Preme no título para non perderte nada importante.
FESTAS DE SAN SALVADOR DE TEIS – De venres a luns na Riouxa – De balde
O parque da Riouxa alberga, desde o venres ata o luns, as Festas de San Salvador de Teis. Entre as actuacións programadas atopamos aos grupos Yucatán, Fusión, Al Límite, Rubí ou Cuarta Calle.
VIVE NIGRÁN – Venres e sábado desde as 19:00 en Monteferro – De balde
Cando moitos pensaban que non se ía celebrar, o popular festival Vive Nigrán volve os días 9 e 10 de agosto ao concello veciño. As principais novidades son o cambio de localización, ao miradoiro de Monteferro, e a súa entrada de balde. Nestas dúas xornadas poderemos ver a artistas do nivel de Rufus T. Firefly, Arizona Baby ou Hey Hematoma.
HUGO FRANCO & MARC XARAU – Venres ás 21:30 na Casa de Arriba – 6,00€
Os músicos cataláns Hugo Franco (violín) e Marc Xarau (mandolina) presentan en Vigo o seu álbum debut Massa pel coss, unha mestura de música tradicional galega e catalana reinterpretada desde un prisma moderno.
FEDERAL SESSIONS – Venres ás 21:30 no Lar das Artes – De balde
O rapeiro Cedecé e o músico Rober Carcos xuntan forzas nas Federal Sessions, o show conxunto que realizan de cando en vez no asador cultural O Lar das Artes. A próxima ocasión para velos en directo será o 16 de agosto.
ÓPERA: RIGOLETTO – Venres ás 22:00 en Castrelos – De balde
Esta ópera en tres actos con música de Giuseppe Verdi e libreto en italiano de Francesco Maria Piave, baseado na obra teatral Le roi s’amuse de Victor Hugo e estreada en Venecia en 1851, é unha das grandes novidades da programación de Vigo en Festas. Durará unhas dúas horas e o foso contará con 2500 cadeiras. Con este espectáculo o Concello de Vigo quere recuperar a tradición, perdida desde había anos, de programar zarzuelas en Castrelos.
PERSEIDAS – De venres a mércores en varias localizacións – Varios prezos
As perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo por ser o 10 de agosto esta festividade relixiosa, é unha prolífica chuvia de estrelas que ten o seu punto álxido entre o 11 e o 13 de agosto. Realmente, o que vemos son os restos volatilizados do cometa Swift-Tuttle, que está na órbita arredor do sol. Malia a contaminación lumínca, é posible visualizalas afastándose un pouco do núcleo urbano.
RILLA RILLA – Sábado ás 18:30 no CC Vialia – De balde
Espectáculo infantil de comedia.
COVERS BAND – Sábado ás 21:00 en Feita e Riquiña – De balde
O local de brunch e tapas de Canido organiza un concerto este sábado, onde tamén haberá hamburguesas e perritos quentes.