Os Premios Martín Códax da Música abren convocatoria e anuncian un sistema de votación popular
Os 11º Premios Martín Códax da Música abren o seu proceso ao público xeral na segunda fase das votacións. Esta é a gran novidade da edición 2024, presentada na mañá do mércores 14 de febreiro na Sala Sónar de Santiago de Compostela, e coa que Músicas ao Vivo abraza a segunda década de vida dos premios da música galega. Cun sistema de baremación para o reconto final, o público sumará as súas escollas en 2024 ás feitas polas socias e socios de Músicas ao Vivo.
O período de inscricións ábrese do 19 de febreiro ao 10 de marzo; despois será un xurado profesional quen decida os tres proxectos finalistas por categoría, antes de pasar á segunda fase de votacións e culminar na gala do 15 de maio no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Quince categorías musicais conforman os Premios Martín Códax da Música: Pop e Indie; Rock e Punk; Blues, Funk e Soul; Metal e Heavy; Canción de Autor/a; Músicas Urbanas; Músicas do Mundo e Mestizaxe; Electrónica; Música Clásica e Contemporánea; Jazz e Músicas Improvisadas; Música Tradicional; Música Folk; Música Infantil; Orquestras, Grupos e Música de Verbena; e Bandas de Música Popular. Ademais, volve a incluirse a categoría de Artista Emerxente, instaurada en 2022 para proxectar e potenciar proxectos de nova creación, e os tres premios Organistrum (nomeados así en referencia ao instrumento presente no Pórtico da Gloria) dirixidos aos “cómplices necesarios do sector” a salas, festivais e proxectos de comunicación e difusión musical.
A novidade en 2024 reside no sistema de votacións e na súa apertura ao público. Unha boa noticia para todas as persoas amantes e seguidoras da música. E tamén para os Premios, como destacaban Sheila Patricia e Xavier Castro na presentación da 11ª edición. “A intención é abrir o proceso ao público xeral e aumentar a participación efectiva no certame, sen perder a lexitimidade que achega o voto das propias compañeiras asociadas”. Deste xeito, haberá que votar a través dun sistema de puntos nun mínimo de cinco categorías e validar a votación para que esta sexa efectiva, cunha soa validación por usuario. No reconto final de votos, cunha regra de baremación, o 50% corresponderá á votación do público e o outro 50% aos votos dos socios e socias de Músicas ao Vivo.
Desde Músicas ao Vivo convídase a artistas, grupos, solistas, espectáculos ou proxectos discográficos realizados en Galicia, ou realizados fóra de Galicia por músicas ou músicos de orixe galega, a inscribirse nesta 11ª edición. Unha media de catrocentos proxectos participan anualmente nos premios desde o seu nacemento. O prazo ábrese o vindeiro luns 19 de febreiro e remata o 10 de marzo a través da web premiosmartincodaxdamusica.gal. Será un xurado profesional, con representantes do ámbito da formación musical, da industria musical, da comunicación e da comunidade artística, quen valore as candidaturas nunha primeira fase seleccionando tres finalistas por categoría. O mesmo xurado que se encargará de decidir os tres finalistas dos premios “Organistrum” e da categoría extraordinaria “Artista Emerxente”.
Calendario
Prazo de Inscricións: Do 19 de febreiro ao 10 de marzo de 2024
Votación do Xurado: Do 18 de marzo ao 13 de abril do 2024
Festa de Finalistas: 24 de abril do 2024
Votacións socios/as e público: Do 25 de abril ao 12 de maio do 2024
Gala: 15 de maio do 2024