Circo de Nadal, Xisco Feijoo e mercados para comezar decembro
Como non todo vai ser ver luces de Nadal, traémosvos, como cada xoves, unha chea de plans para desfrutar da fin de semana. Música, cinema, humor, mercados, ópera e circo son algunhas das propostas para comezar decembro con bo pé. Preme no título de cada evento para máis información. Se queres coñecer todos os eventos que hai esta fin de semana entra na axenda de A Movida.
PEDRO LADROGA – Venres ás 20:00 na Sala Doppler – Desde 15,00€
Un dos artistas de música urbana máis relevantes do Estado volve a Vigo para actuar na Sala Doppler. Despois do seu concerto achegarase a Molotov Club para continuar cun DJ Set.
XISCO FEIJOO – Venres ás 20:30 no Teatro García Barbón – Desde 9,00€
Xisco Feijoó soterra Peixe este outono. O cantareiro, instrumentista e bailador despídese da actual xira de presentación do seu primeiro proxecto en solitario por todo o alto. Farao con dous derradeiros directos que terán lugar en Lugo e Vigo e nos que o artista se acompañará tanto da súa banda como de numerosas creadoras e amizades sobre o escenario, entre as que se atopan Fran Sieira, Andrea Pousa, as pandeireteiras d’O Fiadeiro ou mesmo a chelista estadounidense Natalie Haas.
MERCADOS: MONA (venres, sábado e domingo en La Contenedora) E MERCADO DA ARTE (Domingo no Mercado do Calvario) – De balde
Esta fin de semana vén cargadiña de mercados. De venres a domingo temos en La Contenedora MONA, con máis de 35 postos e máis de 10 expositores novos cada día. O domingo, no interior do Mercado do Calvario, volve o Mercado da Arte con pintura, ilustración, textil, xoieria, serigrafia… nos bancais das peixeiras.
ROMARÍA FEITA A MAN – Sábado desde as 11:00 no Parque Forestal de Saiáns – De balde
A Romaría Feita a Man organizada por Lideiras no Parque Forestal de Saiáns será un punto de encontro de artesáns. De 11:00 a 17:00. Para as crianzas haberá de 11:00 a 13:30 manualidades relacionadas co outono.
CIRCO DE NADAL – Desde o sábado na carpa da Avenida de Castelao – Desde 15,00€
O Circo de Nadal chega a Vigo cun espectáculo abraiante ambientado na época máis máxica do ano. Este Nadal dous amigos entrarán no mundo do circo para recuperar a luz e a maxia como esencia do Nadal. Este ano tamén temos a ilusión de presentar “O Circo Máis Extremo 3.0”, unha nova experiencia chea de actos de alto risco que fascinará aos habitantes e visitantes de Vigo.
X ANIVERSARIO CASPERVEK: BUSTER KEATON – Sábado ás 19:00 en MUTA – Desde 11,00€
A viaxe de Caspervek a través do cinema mudo comezou en decembro de 2013 cando Brais González e Blas Castañer comezaron a idear o que sería a súa primeira banda sonora para a película de F. W. Murnau, Nosferatu. Pasaron dez anos, máis de trescentos concertos e máis dunha trintena de películas. E para celebrar todo este cinema e toda esta música, presentan estes tres concertos que se celebrarán ao longo dos próximos doce meses e nos que poderán volver presentarlle ao público de Vigo tres das películas máis representativas destes dez anos de traxectoria de Caspervek.
Triple concerto de rock en Mos: The Lelli Kelly’s é unha banda de rock’n’roll galego orixinaria do Morrazo e fundada no ano 2016. A banda é coñecida polas súas enérxicas presentacións en vivo, os seus inesquecibles retrouxos e o seu estilo frenético; Do Roxo Presbiçian é unha banda de rock que comezou a sua traxectoria no verán do 2021 en Mos. Beben de moitas fontes, acabando nunhas composicións propias con letras carghadas de existençialismo vital e reivindicativo; e os John Deeres, banda de referencia do hard rock en galego, un grupo con estilo propio e experiencia contrastada.
EL FANTASMA DE LA ÓPERA – Sábado ás 21:00 no Teatro García Barbón – Desde 16,00€
O Musical de El Fantasma de la Ópera estreouse en Londres en 1986 e en Broadway en 1988, mantendo as súas actuacións ata hoxe, sendo o musical de maior duración da historia e o segundo en número de espectadores (despois de El rey león). O musical está baseado na novela homónima de 1908. En España, o musical estivo na Gran Vía de Madrid entre 2002 e 2004. Agora, 20 anos despois, a Compañía Onbeat está a facer unha adaptación do musical para facer unha homenaxe próxima a todos os públicos, onde o lirismo vai da man doutros estilos e onde o dramatismo se mestura coa comedia.
MEIXEVERSO – Domingo ás 18:30 no Auditorio do Teatro García Barbón – Desde 14,00€
Meixeverso é un show de humor. Unha gala de premios. Unha sala de cinema. Pero sobre todo unha oportunidade para conectar cun dos creadores de contido máis punteiros do momento. E en persoa é máis alto, xa por iso deberías ir tamén.
LA TRAVIATA – Domingo ás 19:00 no Mar de Vigo – Desde 30,00€
Unha fusión entre a estética occidental e a Ópera Clásica de Kishinau. A beleza musical, a súa melodía que che engancha desde o primeiro acorde da ópera unida á dificultade técnica e vogal das arias que interpretan os solistas principais xunto a unha gran posta en escena, fai que a Traviata sexa unha das óperas cumes e máis queridas por todos os públicos desde a súa estrea ata os nosos días.