Javier Fesser: “A xente con discapacidade ten unha forma máis disfrutona de entender a vida”
Javier Fesser, director do filme ‘Campeones’ que está a encher as salas de cinema, está en Vigo para participar no VIIFF Festival de Cine Inclusivo, acompañado por Luis Manso, produtor da película, e dous dos actores protagonistas do filme: Alberto Nieto e Sergio Olmos. Fesser sinala que é preciso incluír a tódalas persoas, sexan como sexan, na sociedade polo noso propio beneficio.
A Alberto Nieto, un dos dez actores protagonistas de ‘Campeones’, se lle debuxa un sorriso na cara cando se lle pregunta pola súa experiencia rodando un filme. Ao preguntarlle se repetiría a experiencia sorprende respondendo que “preferiría que lle deran a oportunidade a outra persoa para que puidese vivir esa experiencia”. Fesser que escoita atento as palabras de Alberto replica sinalando que é esa xenerosidade a que os diferenza. O director engade que “é preciso incluír a todo o mundo pola noso propio beneficio. Achegan humanidade, sinxeleza e unha lóxica que provén máis do corazón que do cerebro. Como sociedade viríanos moi ben aprender deles”. ‘Campeones’ xa pasou o millón de espectadores, o seu éxito reside, segundo opinan director e produtor do filme, na naturalidade das personaxes. “Son persoas reais interpretándose a elas mesmas. Teñen unha gran capacidade de emocionarnos e de facernos rir”, explica Fesser que se manifesta encantado co elenco.
‘Campeones’ é o filme encargado de inaugurar oficialmente o VIIFF Festival de Cine Inclusivo, que se está a celebrar estes días en Vigo. A terceira edición deste festival quere fomentar o debate sobre a necesidade de facer cine para todos e valorar a cada persoa polas súas capacidades. Todos os documentais, curtas e actividades que forman parte do festival son de acceso gratuíto e se están a celebrar no Auditorio Municipal.
PODES VER A PELÍCULA NA WEB DE RTVE PREMENDO NESTE ENLACE.
Avance da programación do VIIFF Festival de Cine Inclusivo
O venres 4 pola mañá, Autismo Vigo falará aos escolares da cidade sobre o autismo. Esa mesma tarde, o concurso de documentais internacionais chega ao seu fin con “Swim Team” e “Los Niños”.
Para pechar a xornada, ás 20:30, o profesor Robert Casas falará sobre a sexualidade nas persoas con diversidade funcional e as dificultades que atopan para satisfacela. Trala charla proxectarase “Vivir y otras ficciones”, do realizador Jo Sol.
A mañá do sábado, o VIIFF propón diferentes charlas en torno á necesidade de facer cine accesible. Julia Castro, directora da webserie “Generación Wifi” e Pablo Romero, profesor da Universidade de Vigo, falarán sobre as posibilidades que a tecnoloxía e a industria audiovisual ofrecen á inclusión e á visibilización da discapacidade.
Pola tarde, a clausura chega co Festival de Curtas. Trala recepción na alfombra vermella ás 17:00 horas, todas as curtametraxes proxectaranse subtituladas e audiodescritas. Despois da votación do público e a proxección das curtas fóra de concurso, levarase a cabo a entrega de premios e estatuíñas, realizadas pola Escola de Canteiros da Deputación de Pontevedra.
Todas as actividades propostas son de balde ata completar aforo. O evento contará ademais coa colaboración de Entresignos, que interpretará transcurso do mesmo en lingua de signos.