CAMELIAS MASCOTAS

O festival Primavera do cine proxecta esta semana 25 filmes galegos e lusófonos

O certame cinematográfico decano da cidade arrinca mañá a súa 12º edición que se celebrará en tres recintos da cidade e amosará traballos galegos, portugueses e brasileiros.

O Festival Primavera do Cine volve a Vigo entre o 5 e o 10 de setembro cun programa cheo de cine e actividades paralelas, que terán lugar na súas tres sedes habituais: o Auditorio do Concello de Vigo, a sede viguesa do Instituto Camões e o Museo MARCO.

As entradas adquírense na billeteira de cada sala e teñen un prezo de 2,00 € para os bloques de curtas e 4,00 € para as longametraxes.

CurtametraxesPodes consultar na web do festival que curtas hai en cada bloque

Os bloques de curtametraxes están divididos en galegos e lusófonos e dentro de cada unencontramos variedade de temáticas, estilos e xéneros. A sección oficial conta con traballos de cineastas de longa traxectoria especializados no xénero da curtametraxe de ficción como Nani MatosAlba Pino ou Fernando Tato.

O documental terá tamén un espazo preferente con curtametraxes que interpretan o xénero desde diversas perspectivas. Haberá presenza de filmes de temática político-social, indispensable na programación do Primavera do Cine desde a súa primeira edición. Serán estrea en España as curtas brasileiras Coleção antirracista: o mito da democracioa racial, de Val Gomes, Pedro e Inácio, de Caio Dornelas. Tamén serán proxectadas curtas documentais de cineastas que contan na súa traxectoria con nominacións aos premios Goya como Paula Iglesias ou Guillermo de Oliveira, gañador do galardón.

O cinema de animación estará representado da man de dous cineastas de prestixio: Lula Gonzaga, un dos grandes veteranos da animación brasileira, pioneiro nos anos setenta do cinema pernambucano. E o galego David Fidalgo, nominado aos premios Goya. O festival segue a apostar tamén polo cinema experimental coa proxección de obras de cineastas de amplo percorrido neste ámbito como o brasileiro Mateus Rosa e a galega Carla Andrade.

Longametraxes

Na sección oficial de longametraxes haberá dúas estreas de carácter internacional: Meu amigo Lorenzo, de André Luiz Oliveira De verdade queredes saber o que pensamos?, de Cris Lores.

A sección oficial de longametraxes complétase con Liña de fuga, de Marta Blanco, un proxecto que aborda un discurso de vangarda, á marxe dos convencionalismos cinematográficos; e 10 de marzo, de Roi Cagiao: un documental que compón un díptico coa exitosa Vigo 1972 para analizar as folgas obreiras e os procesos políticos e sindicais que desembocaron no fin do réxime franquista.

Actividades paralelas

REVISTA NOVEMBRO

Dentro das actividades que complementan a programación do festival ofrecerase unha conferencia impartida pola cineasta e investigadora Adriana Páramo, que leva por título  A Representatividade e representación das mulleres no Audiovisual Galego. 

Por outra banda, o obradoiro de cinema expandido Proxecto Remolque coordinado por Cris Lores e Belén Veleiro: unha actividade de manipulación de celuloide en 35 mm apto para nenos e adultos.

Para inscribirse en calquera das actividades, só é preciso enviar un correo electrónico á conta primaveradocine@gmail.com. As prazas son limitadas e o acceso é gratuíto.