CAMELIAS MASCOTAS

César Cequeliños: “A crítica negativa axuda a separar a fariña do farelo e tamén favorece a autoesixencia”

Seguro que máis dunha persoa pensaría algún día en escribir un libro sobre os ‘sarillos’ da literatura galega e do noso sistema editorial. Pero ninguén se atrevera ata que chegou César Lorenzo, máis coñecido nas redes como ‘Cequeliños’, e creou A gran novela galega, un experimento literario ateigado de moito humor e dunha análise ousada. Non en van, pois o autor nado en Arbo conta cunha gran experiencia no mundo da literatura galega, a través das súas facetas de crítico literario, xornalista cultural e editor. Quizais por iso escribiu este libro pero, sobre todo, como el mesmo recoñece, para facer rir. E abofé que o consegue.

A gran novela galega. Con este suxerente título abres a túa primeira novela. De onde naceu esta idea tan orixinal?

Levaba tempo querendo experimentar cunha novela por entregas en Biosbardia. Precisaba un tema lixeiro e pensei que unha parodia sobre algún aspecto da industria literaria podía dar de si. Ao primeiro a historia ía ser dun grupo de escritores que pretenden estafar o xurado dun premio presentando unha novela xa publicada, que é algo real que pasou algunha vez en Francia, por exemplo. Pero logo veu a pandemia e tiven tempo de pensar máis, e aí xurdiu a idea do premio literario, pero con outro enfoque.

As que coñecemos un pouco da literatura galega e do sistema editorial intríganos saber como foi o proceso de creación. Como se mesturaron a realidade coa ficción máis pura? Aquí hai nomes reais e outros inventados…

Cando tiña ideada a trama, decateime de que o principal era ese sentido coral, que aparecesen variados personaxes que servisen de resumos de varias sensibilidades, varios xeitos de entender o labor da escrita. Coido que os personaxes reais que aparecen escapan do clima xeral de parodia e sátira no que loxicamente se moven os personaxes inventados.

O que vas contando son episodios para morrer de risa, pero moitas veces unha crítica ao sistema editorial galego. É iso o que pretendías?

Penso que na historia da literatura todas as sátiras que se publicaron teñen en conta que pretenden, dun xeito ou doutro, facer unha crítica do seu tempo. As viaxes de Gulliver, que se cadra hoxe se le coma unha novela medio infantil, en realidade é unha obra chea de crítica a eventos e hábitos da época de Jonathan Swift. Hai un relato de Mircea Cartarescu, «As belidas estranxeiras», que conta unha viaxe de escritores europeos para daren conferencias por Francia que deixa moitos detalles sobre a profesión de autor literario hoxe en día, e o humor aparece dun xeito sutil. Eu quería facer sobre todo unha novela que fixese rir. E de aí que estea moi contento cando lectores e lectoras que non me coñecen me din que riron coa novela, porque sempre pensei que moitas cousas lles farían grazas a amigos e coñecidos (e de feito algúns gags están pensados para facer rir a persoas concretas), pero que conforme se distanciasen do meu ámbito perdese ese efecto. Por sorte, a xente que le pásao ben, aínda que xa me teñen comentado que logo da risa veñen os choros porque interpretan a obra coma unha radiografía do noso sistema literario. É evidente que hai unha crítica e que usei a miña experiencia como membro dese sistema para argallar a trama, pero gústame lembrar que todo é inventado e que, por suposto, hai moita esaxeración.

A novela técese arredor da creación dun premio literario galego cunha gran dotación económica. A miúdo fálase da existencia de demasiados premios, así que esta obra reflexiona en clave de humor sobre o que sería contar cun máis pero que rompería todas as expectativas. Que achegaría un novo premio das características do que describes na novela?

Coido que o explica moi ben o «home máis rico de Galicia», quen na novela organiza o premio: Se os autores e autoras en lingua galega puidesen competir por un premio dun millón de euros non terían escusa para esforzarse ao máximo por facer a mellor obra posible. E recoñezo que esa idea me seduce, porque ás veces penso que a busca da literatura por riba de calquera outro obxectivo quizais non está á altura de moitos escritores e escritoras, que teñen pouco tempo para escribir ou que pensan que nas condicións «naturais» do sistema galego facer literatura, sen máis, non provocaría o recoñecemento e aplauso aos que, lexitimamente, case sempre aspira unha persoa dedicada á creación. O problema, e diso fala a novela, é se se perverte esa boa idea e as mentes creativas en vez de gurgullaren para crear unha obra potente, acaben buscando o xeito de gañar con medios pouco literarios. Persoalmente, penso que sería máis rendible un premio que valorase non un inédito, senón o mellor libro publicado. Xa hai algúns, caso do Losada Diéguez ou os Follas Novas, pero actualmente non teñen moito prestixio porque o seu xeito de elección é ben opaco e ben azaroso.

Fálase todo o tempo do sistema DWF, que é algo así coma unha técnica infalible para gañar premios literarios. Existe realmente? En que consiste?

O método DFW (siglas de David Foster Wallace, autor estadounidense xa morto, autor de A coña infinita) non existe. É pura invención. Na novela é un achado dunha axencia literaria catalá moi cool que intenta lograr gañar o premio con esa estratexia extraliteraria da que falaba antes. Recoñezo, iso si, que cando falo dun método para gañar premios que consiste en escribir unha novela de mil páxinas usei a miña experiencia como xurado de premios. Un orixinal onde só as trinta primeiras páxinas teñan en conta unha trama, a construción duns personaxes, etc, e o resto sexan páxinas e páxinas aparentemente complexas, que dificulten a lectura, pero que dean a sensación de que son obra dunha mente xenial, penso que serían o engado perfecto para moitos membros de xurado porque en varias deliberacións me encontrei con persoas ás que se lles notaba que só leran as primeiras trinta páxinas e que logo falaban de «calidades» literarias máis ben abstractas. E ademais, por desgraza, moitas novelas que se publican actualmente, en calquera idioma, empezan ben, pero van perdendo enerxía conforme medran en páxinas até quedaren sen folgos. Tamén hai novelas que se presentan a concursos que non sabes de que van até a páxina 100, que foi tamén cando o autor ou autora empezaron a saber de que querían escribir.

Exerces como crítico literario e editor. Isto serviuche para crear algúns dos episodios que narras na novela?

Neste caso, penso que foi máis importante a miña experiencia como xornalista cultural. Centos de entrevistas. Falei con gran parte das persoas que se dedican ou se dedicaron á literatura, con editores, axentes… Tras máis de vinte anos deume a cabeza para inventar moitos episodios. Pero insisto, o groso do que se conta é imaxinado, e paseino moi ben argallando as situacións nas que sofren e gozan os personaxes.

Es moi crítico con todo o sistema editorial galego, por que? No libro, por exemplo, falas do conformismo, da demasiada institucionalización, dos libros aleccionadores para os institutos …

Hai moitos aspectos que coido que se poderían tratar neste sentido. Mais no fondo, desde o meu punto de vista, o gran desafío da literatura galega actual é decidir se se quere entroncar coa nosa tradición literaria, a de Otero Pedrayo, Manuel Antonio, Eduardo Blanco Amor, Xosé Luís Méndez Ferrín, Xohana Torres, Suso de Toro… ou simplemente captar un mínimo de lectores que simplemente garanta a viabilidade das edicións e alimente as necesidades dun sistema educativo que vai necesitar sempre lecturas obrigatorias. Eu recordo sempre o que me dixo Xabier P. Docampo sobre a lectura nos institutos: Que non tiña sentido ningún que os que máis soubesen de literatura nos centros, en moitas ocasións, fosen os comerciais das editoriais. Son consciente de que establecer a valía das obras segundo as vendas é un método cuantitativo claro, e polo tanto fiable, para ordenar o sistema, pero, humildemente, penso que hai outro xeito de ordenar a actividade literaria. Cómprenos estimular a crítica literaria —tanto a xornalística coma a académica—, diferenciarmos os libros con obxectivos literarios dos principalmente comerciais, non conformarnos co mínimo, senón intentar chegar tan alto coma calquera literatura que se fai arestora no mundo, coma intentaron eses nomes dos que falaba antes. A literatura é arte, e a arte sempre se sente atraída pola vangarda. Por iso é tan importante a tradución. Porque ao galego literario actual vénlle moi ben compararse coa forma de escribir máis moderna, máis ambiciosa, máis atractiva.

Como dicías antes, a novela propón un xogo moi interesante, e as lectoras podemos tentar adiviñar que persoas reais se agochan detrás de moitas das personaxes. Buscabas isto ao comezar a novela?

Evidentemente, si quixen resumir determinados xeitos de entender a literatura, pero non crear un xogo de disfraces. Chámame a atención que haxa moitos lectores que fagan un auténtico «Quen é quen» coa novela, porque as máis das veces fan identificacións que me sorprenden. Pero recoñezo que esa «caza» un tanto rexoubeira pode ser unha salsa dunha novela coma esta. Faime moita graza que me digan: «Tal personaxe craváchelo. É que iso que fai en tal capítulo vinllo eu facer a el!». E resulta que a esa suposta referencia real eu nin a coñezo persoalmente.

Na revista literaria Biosbardia, e tamén nas páxinas do ‘Faro da Cultura’ de Faro de Vigo, escribes críticas de libros que non ocultan os aspectos negativos. Hai críticos galegos que defenden que é mellor facer recensións construtivas ou positivas. Que opinas disto?

Cadaquén ten o seu punto de vista sobre os motivos do exercicio dun determinado tipo de crítica e os seus obxectivos. Para min, a crítica literaria ten que ter como principal meta compartir coa comunidade lectora a miña experiencia e coñecementos dun xeito ben argumentado e claro sobre os libros que se publican. Sempre fixándose unicamente no texto, independentemente de quen o escriba, e sempre utilizando criterios técnicos para emitir o xuízo. A crítica positiva pode ter efectos perniciosos. Como di o crítico galego Constantino Bértolo, se abres un xornal e todas as críticas saúdan só obras mestras, semana tras semana, a conclusión é que algo fede, porque ningunha literatura pode ter unha obra mestra por semana. Se o libro segue a ser hoxe un obxecto prestixioso é porque se considera que unha novela ou un libro de poemas que se publica é un ben escaso, que non todo o mundo pode rematalo con éxito. A crítica negativa axuda a separar a fariña do farelo e tamén favorece, desde o meu punto de vista, a autoesixencia dos e das creadoras.

Dende hai uns anos tamén exerces como editor literario en Aira Editorial. Como ves o panorama editorial galego? Que retos tedes por diante como editora? Cales son as principais trabas que vos atopastes?

A edición galega vive unha época con moitas dificultades estruturais: falta de lectores, incapacidade de gañar prestixio entre os non galegofalantes, falta de repercusión por causa dun mapa mediático profundamente antigalego… Pero tamén conta con vantaxes relativas: ao sermos poucos podemos arriscar máis porque case ninguén xoga o salario escribindo. Hai cada vez máis editoriais e algunhas son moi exitosas. Á parte das clásicas Xerais e Galaxia, que aí as están, con potentes plans editoriais ano tras ano, editoriais ben armadas e con experiencia como Kalandraka, Hércules ou Rinoceronte, e outras moitas, máis pequenas, pero que en xeral conseguen manterse en pé.

Aira quere consolidar o seu rol de editora xeneralista de tamaño pequeno, con arredor de vinte libros por ano, que conquista lectores e lectoras non tanto por aglomeración, senón máis ben por diversificación de interese. Coido que como a editorial xorde dunha libraría temos na cabeza non un modelo de lector ou lectora, senón moitos, que se achegan aos títulos por razóns diferentes.

A principal traba coa que nos atopamos é darnos a coñecer. Seis anos despois da fundación de Aira aínda hai moita xente relacionada coa cultura dun xeito máis ou menos estreito que non nos coñece. Hai que facer moito ruído, publicar libros aos que sexa moi difícil manterse indiferente: desde unha edición ilustrada do Frankenstein que te deixa coa boca aberta até clásicos contemporáneos como O nome da rosa, que aínda estaba inédito en galego.

Entre tanta lectura ‘por traballo’, quédache tempo para ler unica e exclusivamente por pracer? Que les no tempo libre?

Si, teño moito vicio. Na miña mesa de noite sempre hai un feixe de libros e, de momento, consigo manter a gana de ler por gusto a pesar das moitas horas que paso lendo e editando por obriga. Pasei épocas de menos lectura, supoño que como calquera, pero agora estou nunha boa fase, e desfrutando ademais.

REVISTA NOVEMBRO

Á parte de narrativa e poesía, leo moito ensaio, principalmente sobre historia, que me encanta. Penso que non somos conscientes de que neste momento, especialmente no xénero de non ficción, só lendo en castelán, galego e portugués, temos acceso a moitísimos grandes libros, moi ben traducidos e coidadosamente editados.

Tensi Gesteira (@lecturafilia)
Crítica literaria

Pablo Vázquez
Fotógrafo