Dez imprescindibles do Festival de Cans
Se aínda non consultaches a programación do Festival de Cans, que se celebra do 16 ao 20 deste mes nesta vila porriñesa, sorprenderache a gran cantidade de actividades que hai en só cinco días. Para botarche unha man seleccionamos dez dos eventos máis interesantes que non debes perder: concertos, videoclips, coloquios, proxeccións…
Videocoloquio sobre cinema musical con Xavier Valiño
Martes 16 | 20.30 h. | Auditorio Centro Cultural do Porriño
O escritor e investigador galego Xavier Valiño é un dos grandes xornalistas musicais españois. O seu libro Los 100 mejores documentales del rock (Efe Eme) serviranos de punto de partida para este videocoloquio onde Valiño nos vai guiar, a través de imaxes, pola evolución dos documentais musicais. Desde o nacemento do rock ́n roll, o cinema sempre foi con el documentando o que se movía ao redor. Falaremos de cinema vérité —con Bob Dylan en Don’t look back— , de grandes figuras coma Elvis ou festivais pioneiros coma Woodstock, de realizadores consagrados coma Martin Scorsese —El último vals— ou Jonathan Demme —Stop making sense—. Un paseo en imaxes imprescindible ó ritmo de pop, soul, punk, hip hop, heavy metal, blues ou reggae. Se amas o cine e a música, non debes perder esta cita.
Noite de videoclips + concerto Zeltie Irevire
Martes 16 | Ás 22.00 h. | Praza Arquitecto Antonio Palacios (O Porriño)
Na Noite dos Videoclips proxectaranse os 19 clips finalistas dos presentados a concurso, entre os que atopamos a artistas como Laura LaMontagne, Helen & Shanna, Boyanka Kostova, Xabier Díaz, Fillas de Cassandra, Grande Amore ou Guadi Galego. Ao rematar, concerto de Zeltie Irevire.
Coloquio Matria + sesión vermú de Pancho Álvarez acompañado de 5 dos mellores violinistas de Galicia
Mércores 17 | 12 h. e 13.30 h. | Torreiro de Cans
O director e guionista de Matria, Álvaro Gago, e a súa protagonista, María Vázquez, participarán nun coloquio co público para contarnos o proceso de crea- ción e rodaxe do filme.
Despois actuará o porriñés Pancho Álvarez, un músico que se inspira nos sons tradicionais de Galicia, utilizando en especial instrumentos de corda e de percusión, que adapta, nunha permanente busca, ó xeito de tocar tradicional. Nesta sesión vermú acompa- ñarano as violinistas Aldara Palmeiro, Begoña Riobóo, Antía Ameixeiras, María Jorge e o acordeonista Carlos Quintá.
Proxección de Unicorn Wars, gañadora do Goya
Xoves 18 | 17 h. | Centro Cultural Municipal do Porriño
O filme gañador do Goya de Animación á mellor longametraxe en 2023 poderá verse nesta edición de Cans coa presenza do seu director, Alberto Vázquez, e a súa produtora, Chelo Loureiro. O coruñés Vázquez é o cineasta de animación máis importante de Galicia, acumulando catro premios Goya na última década.
Coloquio de Honeymoon, con Nathalie Poza e Javier Guitierrez
Venres, 19 | 12.30 h. | Torreiro de Cans
O filme chegará a Cans o xoves 18 ás 20:30 no Círculo Recreativo Cultural do Porriño, logo de pasar polo Festival de Málaga. Despois de Crebinsky, Honeymoon é a segunda longametraxe de Enrique Otero, cuxas curtametraxes puidemos ver en varias edicións do Festival de Cans.
O día seguinte será o coloquio co director Enrique Otero e os protagonistas do filme, Nathalie Poza e Javier Gutiérrez, quen nos falarán de interpretación e rodaxe e doutros procesos de creación dunha película cos que os espectadores non estamos familiarizados.
Concerto de Fillas de Cassandra
Venres 19 | 20 h. | Torreiro de Cans
Se aínda non tiveches a oportunidade de velas en directo, esta é unha boa oportunidade para facelo. O dúo vigués formado por María Pérez e Sara Faro está a ser a revelación musical deste ano en Galicia, con actuacións en numerosos festivais e varios sold outs en diversas partes do territorio. O venres 19 ás 18:00 no Jalpón do Invernadoiro de Juan e Mucha do Peso proxectaranse todos os seus videoclips coa presenza das artistas.
Na nosa revista de maio e neste artigo podes descubrir máis sobre elas.
Concerto de Nano Stern
Sábado 20 | 20 h. | Jalpón e invernadoiro de Juan e Mucha do Peso
Nano Stern é un dos grandes artistas chilenos máis novos, que forman parte da chamada “Terceira xeración de cantautores” dese país. Multinstrumentista, compositor e cantautor cunha forte influencia do cancioneiro popular e tradicional, o seu traballo aborda a música de raíz folclórica, o rock, o jazz, a trova e a experimentación. Stern afonda na procura do sinxelo e do sutil ó servizo da poesía feita canción. No medio dun mundo revolto, o músico constrúe un refuxio de palabras e sons que reflicten as inquedanzas do tempo intenso que nos tocou vivir.
Concerto especial polos XX anos de Tony Lomba e Elio dos Santos
Sábado 20 | 21.30 h. | Torreiro de Cans
Logo de incendiar o Torreiro na actuación que ofreceron no décimo aniversario do festival, Tony Lomba & Elio dos Santos, os xornaleiros do amor, os deuses da música lixeira máis esmendrellante, volven este ano a Cans a dalo todo. Coas súas mellores galas (din que Lomba estrea traxe para a ocasión feito a medida) os seus himnos populares e máis guapos e adolescentes ca nunca, despois de pasar pola clínica de cirurxía estética das Kardashian.
Coloquio entre ‘Morris’ e Antón Reixa
Sábado 20 | 12 h. | Torreiro de Cans
Antonio Durán “Morris” é un dos grandes actores galegos. Foi membro do xurado na histórica primeira edición do Festival de Cans e recibiu o Premio Pedigree en 2012. Antón Reixa é unha figura imprescindible no audiovisual e na cultura de Galicia das últimas décadas. Escritor, cantante, produtor e cineasta, Reixa tivo unha presenza constante no Festival de Cans, onde recibiu un dos primeiros Premios Pedigree, en 2007.
A colocación das estrelas
Torreiro de Cans
A colocación das estrelas no Walk of Fame particular de Cans é sempre un dos momentos máis especiais do festival. Nesta edición os artistas recoñecidos son Javier Gutiérrez (venres ás 13:30), Luis Zahera (venres ás 21:00) e Nathalie Poza (sábado ás 13:30).