Raúl Maya, o retratista da música local
O pasado venres 14 inaugurábase a exposición Proxectos 2022. Segunda parte, onde o alumnado da Escola Municipal de Artes e Oficios mostraba ao público as creacións que os mantiveron ocupados nos últimos meses. Entre as diferentes obras atopamos uns carteis de Raúl Maya, debuxante especializado en retratar con precisión aos músicos da escena local.
No cruce das rúas Pontevedra e Rosalía de Castro está a entrada á exposición Proxectos 2022. Segunda parte, onde o alumnado das diferentes especialidades da Escola Municipal de Artes e Oficios (EMAO) pode mostrar a cidadanía as súas creacións. A mostra de luns a venres de 19:00 a 21:00 ata o 26 de maio. Unha vez dentro, entre esculturas de madeira, pezas de cerámica, lámparas de tea, óleos e outras moitas variedades artísticas, podemos atopar no primeiro andar uns curiosos carteis. Neles aparecen retratados seis artistas musicais vigueses acompañados por un medio de transporte. Así o explica o seu creador, Raúl Maya: “Ocorréuseme este proxecto despois da pandemia, trazando a metáfora de que despois de meses pechados por fin podían sacar os vehículos e levar a música a todas partes de novo”.
Deste xeito, atopamos aos Zalomon Grass a lomos dun descapotable, a Tony Lomba nun luxoso iate, a Nicolás Pastoriza sendo abducido por un OVNI, aos Family Folks a bordo dun barco pirata, a David Regueiro nun carromato ambulante e a Vatapá sobrevoando Rio de Janeiro en globo. Todos eles pegados nunha parede que imita o muro dun calexón, con grafittis de Lois González. O seu estilo, que bebe do cómic dos setenta, destaca pola limpeza do trazo, polo arriscado das composicións e pola enorme calidade dos detalles: podes quedar diante de cada peza unha chea de tempo atopando novas chiscadelas e matices: “Documéntome moito para cada ilustración”, afirma, e ese traballo previo nótase no produto final. Afirma que existen outras láminas, aínda en proceso, protagonizadas por Óscar Avendaño, The Riggos, Indy Tumbita, Los Duques de Monterrey ou Two in the Mirror.
O flaco, como se lle coñece, leva cun lápiz na man toda a vida: “Era dos que botaban da clase por estar sempre debuxando”, lembra. De xeito máis ou menos profesional, a tinta case sempre estivo presente nas andaduras deste amante do blues anello. Nos últimos anos podemos distinguir o seu trazo en carteis de festivais (Mar de Blues) e salas, como o extinta Contrabajo Club; e portadas de discos, como o último de Félix Slim ou K.I.C.K. Radio de The Soul Jacket.
Sobre esta ilustración, que ocupa tanto a portada como a contraportada do disco (podemos ver a versión panorámica pendurada dunha parede na Casa de Arriba), paga a pena deterse: “Mauro Comesaña (batería da banda) comentoume que o disco ía ser unha crítica ás antigas emisoras de radio estadounidenses, que se quedaban cos dereitos de gravación dos músicos negros. Por iso se chama KICK Radio, porque lles daban a patada despois de gravar”, explica. Así, dentro do coche distinguimos a guitarra de Woodie Guthrie, famoso cantante folk; ou un revólver, unha lata de gasolina e un chisqueiro, o que nos da unha idea das intencións da conductora, que se achega con decisión ao edificio. Fóra do vehículo podemos ver cruzando a estrada a Nina Simone co vestido que levou no Harlem Cultural Festival en 1969 ou ao famoso músico de R&B Ray Charles, entre outras moitas cousas. Preguntado polos seus plans de futuro, conta que ten uns cantos proxectos e exposicións en mente, polo que pronto teremos máis novas deste retratista da nosa escena musical.
Pablo Vázquez
Últimos posts de Pablo Vázquez (ver todos)
- Buscamos imaxes e historias para manter viva a lembranza do Súbete ao Castro - 20 Novembro, 2024
- Elite Barber Shop: tradición e modernidade - 20 Novembro, 2024
- O “fracaso estrepitoso” do Súbete ao Castro ou como non entender a cultura local - 15 Novembro, 2024
- O Cirque du Soleil volve a Galicia cun orixinal espectáculo en pavillóns - 13 Novembro, 2024
- Reúnese Foggy Mental Breakdown, o ‘dream team’ da música viguesa - 6 Novembro, 2024