VIALIA
REVISTA NOVEMBRO

A Movida, cinco anos de xornalismo cultural vigués

O pasado mes de xaneiro esta web, amovida.gal, cumpría os seus primeiros cinco anos de existencia. Nove meses despois chegaría a revista en papel, que xa vai polo seu número 43 e que podes consultar aquí. Tamara Novoa, directora e unha das fundadoras do proxecto, repasa nesta entrevista o último lustro deste medio cultural vigués e explica o seu funcionamento. Tamén participa este venres 10 no podcast Histérikas Histórikas ás 20:00 en A Morada e o xoves 16 no evento de Ladies & Wine no Café Vitruvia ás 19:00.

Tamara Novoa, directora de A Movida | P. Vázquez

Fálanos do nacemento de A Movida.

Eu estiven anos vivindo fóra, e aínda que soe tópico, cando estás lonxe tendes a valorar máis o propio e iso foi o que me pasou con Vigo. Sempre estiven moi atenta ao que acontecía aquí e decateime de que se facían moitas cousas a nivel cultural que non tiñan cabida nos medios. En Barcelona, por exemplo, existían e existen moitos medios de información cultural que eu empregaba a diario para informarme e desfrutar da cidade: Time Out, La Butxaca… Aí decateime de que en Vigo faltaba un medio especializado en información cultural e cunha axenda onde consultar todas as actividades e así comezou a xestarse A Movida.

Como arranca o proxecto?

Ao volver a Vigo comenteille esta idea á miña amiga Beatriz Barros, quen ademais de Comunicación Audiovisual estudara un curso de programación web. Así xurdiu A Movida, coa intención de dar a coñecer todas estas propostas que hai na cidade que nacen de persoas con inquedanzas artísticas e que isto favorecese a un maior movemento cultural. Todo isto de xeito independente, sen o apoio de ningunha institución ou empresa, botando man dos meus aforros e amizades. Comezamos en xaneiro de 2018 no faiado da casa dos meus pais sen moitos medios, intentando darnos a coñecer e dándolle forma ao proxecto. Desde o comezo tiñamos claro que queriamos ter tanto formato físico como dixital, pero a revista tardou uns cantos meses en publicarse.

Cales foron as maiores dificultades que atopastes no camiño?

A principal dificultade, como é habitual nestes casos, é facer diñeiro. Todo o demais foi ir aprendendo dos erros e mellorar o proxecto. Crear unha empresa, emitir facturas, chegar á xente, imprimir e distribuír unha revista… todo era novo para nós, pero tampouco me pareceu difícil cun bo asesoramento. Pero o verdadeiro problema é económico.

Como se financia A Movida?

Nós non vendemos algo directamente, senón que grazas a que temos moitos usuarios interesados no noso contido vendemos publicidade a terceiros. Este é un proceso longo e lento, sobre todo ao comezo. A publicidade é algo inestable porque tes que traballala mes a mes, e a isto sumámoslle unha pandemia que paralizouno todo, e en especial o sector cultural. Foron dous anos nos que o noso crecemento paralizouse notablemente. Con todo, a nosa forma de ofrecer publicidade é diferente á doutros medios, pois coidamos moito ás persoas e empresas que deciden anunciarse con nós. Intentamos crear certos vínculos con eles, que se decaten de que ademais de publicitarse están contribuíndo a un proxecto que é bo para a cidade e, polo tanto, para eles. Os únicos cartos que recibimos das institucións son a través de publicidade, como de calquera outra empresa privada. Non hai ningún outro tipo de apoio ou subvención pola súa parte, malia que pensamos que a existencia de A Movida é boa para a cidade e o seu tecido cultural.

Quen máis forma o equipo de A Movida?

Comezamos Bea e mais eu, pero co tempo incorporamos máis xente ao equipo. O primeiro foi Pablo Vázquez, despois Paula Cermeño, e máis recentemente, substituíndo a Tatiana Rodríguez, chegou Sabela Álvarez no apartado de márketing. Despois da pandemia Bea decidiu desvincularse por motivos persoais. Paula e Pablo ocupan os postos de redacción e fotografía, aínda que ela está máis orientada ás redes sociais e gastronomía e el a música e cinema. Sabela foi a última en incorporarse nun departamento, o de ventas, que moitas veces non recibe a importancia que ten. Ademais do plantel contamos cun extenso grupo de colaboradores para a revista entre os que destacan Rubén González, deseñador e maquetador, e Uxío Couto, revisor de textos. Son dúas persoas clave no proxecto porque participan nas decisións importantes do mesmo.

Uxío, Paula, Bea, Tamara, Rubén e Pablo nunha fotografía de 2019

Vai haber algún evento para celebrar o quinto aniversario?

Estamos moi contentos de chegar aos cinco anos pero tampouco quero idealizalo, porque como dixen foi un camiño moi duro. Algunha vez pensei en tirar a toalla pero realmente creo que é moi importante o que estamos facendo e polo simple feito de ter chegado ata aquí temos que celebralo. Gustariame facer algo especial e que todo o ano sexa de celebración, pero desde logo en setembro faremos unha festa de aniversario coincidindo co lanzamento da primeira revista. Queremos facer partícipe á cidadanía e chegar a máis xente, porque aínda que temos moitos seguidores, aínda falta moita outra por coñecernos. Seguiremos informando nos próximos meses.

Que valores defende A Movida?

Por suposto apoiamos a cultura local e a todos os artistas de Vigo e Galicia que están facendo cousas ben interesantes. Ademais facemos unha firme defensa da lingua, pois todo o que publicamos está en galego, malia que iso poida reducir o noso alcance. O feminismo, a sustentabilidade, o comercio local son outros dos contidos que tratamos con frecuencia na web e na revista. Entendemos a cultura dun xeito transversal, por iso tamén falamos do uso da bicicleta, do veganismo ou da gordofobia, por exemplo.

Como é o día a día na oficina?

O que máis tempo nos leva é actualizar a axenda con todos os eventos que hai cada día en Vigo. É unha tarefa moi ambiciosa e moi traballosa que ademais non monetarizamos directamente, pero pensamos que é moi útil para a cidadanía. Cada día vemos que novidades culturais hai na cidade e decidimos a cales dedicarlle máis tempo, se acudir ao evento ou non, etc. Coa revista o proceso é similar pero de xeito mensual e con máis antelación. En resumo, damos difusión ao que consideramos que é de interese para os vigueses e viguesas

A mellor lembranza?

Moi difícil escoller unha. Lembro ir con Bea á imprenta a ver a nosa primeira revista en setembro de 2018 e despois repartila persoalmente por todos os establecementos. Foi extenuante pero tamén moi emocionante. A mudanza á nosa actual oficina tamén significou un paso adiante moi grande. Todos os eventos que fixemos tiveron unha gran resposta por parte da xente, enchendo lugares como o Espacio Mahou ou a Fundación Sales. Deste último gardo un recordo especial porque foi xusto ao rematar a pandemia e xa podiamos xuntarnos de novo. Este acto serviu para reafirmarme que o que estabamos facendo tiña sentido e había que continuar co proxecto. Tamén destacaría o agarimo que sentimos por parte do sector cultural. Grazas a A Movida coñecimos a unha chea de xente marabillosa: escritores, músicos, cineastas, artistas plásticos, comerciantes…

The following two tabs change content below.

Pablo Vázquez

Graduado en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Vigo, é un apaixoado do cine, da música e da fotografía. É director dos documentais 'O profesor', 'The Death: el reencuentro' e 'Cuna de músicos', ademais de coautor do libro 'Son da cidade', o que lle fixo coñecer aínda máis a escena musical viguesa. Ten traballado con distintos grupos e salas da cidade, ademais de participar nos últimos anos como Xurado Novo nos festivais de cine de San Sebastián e Novos Cinemas.